publicidade hoxe

O Concello de Abegondo sondeará persoalmente a 600 veciños para estudar os problemas de abastecemento de auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal
A-
A+

A imposibilidade de dispoñer de rede pública de abastecemento de auga dáse en 600.000 galegos. As condicións xeográficas e a dispersión poboacional provoca esta situación que debe ser paliada con sistemas de carácter autónomo.

En Abegondo isto sucede na zona sur do municipio, situada a unha cota máis alta que o depósito de auga do municipio. Son 228 vivendas das parroquias de Vizoño, Montouto, Vilacoba, Sarandóns e Folgoso nas que están empadroados 607 veciños.

Non obstante, os sistemas autónomos poden presentar deficiencias ou funcionamentos incorrectos que redunden nunha mala calidade da auga e consecuentemente en problemas sanitarios. Co obxecto de poñer fronte a esta situación, o Concello de Abegondo inicia un novo programa ambiental, asociado con Augas de Galicia e a Consellería de Sanidade.

As administracións autonómicas decidiron involucrarse no proxecto dado que os seus resultados serán piloto para o resto da comunidade. A Unión Europea tamén encontrou a necesidade e idoneidade da acción e financia o 50% dos 774.000 euros que ten de presuposto posto que un de cada 10 cidadáns europeos tamén se encontra nesta situación.

O Concello lanzou onte o programa aos veciños das vivendas nestas condicións cunha reunión na Casa do Concello. O alcalde, José Antonio Santiso, acompañado do subdirector xeral de Programación de Augas de Galicia, Roberto Arias, dunha técnico de Sanidade e do enxeñeiro agrícola municipal, presentou os detalles do proxecto aos residentes, que ofreceron o seu respaldo de forma unánime para tratar de mellorar os seus sistemas de abastecemento de auga.

A primeira fase do programa comezará de inmediato e prolongarase ata decembro de 2014. Consistirá en realizar un estudo da situación e problemas que ten o sistema de augas de cada unha das casas, sempre e cando os veciños decidan participar no proxecto, de carácter totalmente voluntario.

Nos próximos días, o enxeñeiro municipal comezará a entaboar citas para visitar casa a casa e realizar un estudo hidroxeolóxico do sistema. Analizará o estado da captación ou pozo, e do depósito; efectuará análise da auga tanto na orixe como na billa; e avaliará os posibles riscos do sistema.

Este estudo será o punto de partida para o posterior plan de sostibilidade que se confeccionará de cada vivenda e marcará como poñer solución aos problemas detectados. O enxeñeiro explicou aos veciños que a calidade da auga subterránea de Abegondo é boa, o que se demostrou no pasado programa LIFE, que ao realizar varias melloras en fontes xa lográronse niveis sanitarios óptimos na auga.

Os técnicos animaron os veciños a participar dado que actividades como a gandaría, a proximidade de foxas sépticas, a deterioración de canalizacións, os praguicidas, etc supoñen un risco á calidade da auga e polo tanto á saúde se non realiza ningún tipo de control.

O proxecto tamén ten unha metodoloxía participativa, de tal forma que se constituirá unha xunta xestora conformada por representantes das administracións participantes e polos propios veciños.

O alcalde cualificou de “oportunidade de ouro” para Abegondo que a Unión Europea e a Xunta apostasen por este proxecto, se ben destacou o traballo “ben feito” que está a realizar o Concello en materia ambiental, con continuos recoñecementos e plans piloto. “Ser os primeiros ás veces é difícil pero tamén permite acceder a máis oportunidades”, resumiu Santiso, que destacou o carácter pioneiro do programa en Galicia, algo que admitiu Roberto Arias.

11 de setembro de 2013 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.