Brión agarda a chegada de milleiros de romeiros e devotos de Santa Minia
Brión agarda un ano máis a chegada de milleiros de romeiros e devotos dende toda Galicia co gallo da súa tradicional Romaría de Santa Minia, a pesar das previsións de choiva para mañá venres. Unha festa que mañá venres 27 de setembro celebra o seu día grande, logo dunha xornada Vésperas que a choiva respectou.
Centos de romeiros acudiron durante esta mañá ata a carballeira de Santa Minia, onde xa se están a instalar os máis de 150 postos de venda que ateigarán a AC-451 durante esta noite e durante a xornada de mañá para a venda de rosquillas, roupa, chourizos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, xeados… O tempo acompañou e centos de persoas, sobre todo os asistentes aos oficios de relixiosos, aproveitaron tamén para cumprir con outra das tradicións de Santa Minia: comer o polbo na carballeira. Así, as 5 polbeiras instaladas na zona estiveron especialmente activas. Un bo tempo que se agarda que se manteña, cando menos, ata a madrugada de hoxe, momento da queima da fachada e da gran tirada de fogos de artificio.
Día de Santa Minia
As previsións meteorolóxicas non son tan boas para mañá venres, se ben dende o Concello de Brión confían en que se repita a situación de anos anteriores nos que a choiva non amedrentou aos milleiros de fieis que cada ano se achegan ata a capela de Santa Minia, se ben desluciría o programa cultural paralelo pois, por exemplo, os pasarrúas das charangas serían substituídos por actuacións dende no palco da música de Brión.
O día grande das Festas de Santa Minia comezará ás 10:00 horas coa actuación dun cuarteto de gaitas e da charanga “Mekánica” (12:00 horas), que darán paso ás 14:00 horas á sesión vermú da man da orquestra “Fania Blanco Show”. A misa solemne terá lugar ás 13:00 horas, na reitoral situada en fronte á capela de Santa Minia, se ben as misas celebraranse cada hora entre as 9:00 e as 12:00 horas e entre as 17:00 e as 20:00 horas.
Por motivos de seguridade, e por terceiro ano consecutivo, as velas dos devotos non se depositarán na capela, senón nun local anexo á leira onde teñen lugar as misas. Dende a parroquia teñen todo organizado para que se poidan prender velas nese lugar e depositar as figuriñas de cera (con formas de mans, brazos, cabezas, pernas… de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia) que os devotos presentarán minutos antes diante da Santa e que poderán mercar nos postos que rodean a capela de Santa Minia. O ano pasado, incluso nos momentos de maior afluencia, a espera para bicar o sepulcro onde repousan os restos da Santa (e pasar sobre el as típicas imaxes de Santa Minia para que lles dea sorte durante todo o ano) non se demorou máis aló de 15 minutos.
Pola tarde terá lugar o espectáculo de animación de rúa “O Cego de Antares” (17:00 horas) e a actuación de Festicultores Troupé, co seu espectáculo “EGFA. Exército guerrilleiro das festas armadas” (19:00 horas). A partir das 22:00 horas, verbena coas orquestras “Fania Blanco Show” e “Ceniza”. Durante toda a xornada haberá xogos, barracas, inchables e uns 150 postos de venda no entorno da carballeira de Santa Minia, así como cinco das polbeiras máis afamadas de Galicia. E é que comer o polbo en Santa Minia converteuse case nunha tradición pagá comparable á de cumprir coa tradicional visita á santa.
Operativo de seguridade
O Concello de Brión xa puxo hoxe en marcha o operativo especial que velará pola seguridade e comodidade dos visitantes, composto por unha vintena de efectivos, entre membros de Protección Civil e Policía Local. O Concello ten habilitadas seis zonas de aparcamento de balde, con capacidade para ata 3.000 vehículos, e que están convintemente sinalizadas
Dende Protección Civil aconsellan aos visitantes que se deixen guiar polos efectivos que estarán na zona, que lles indicarán a mellor opción de aparcamento, segundo a ocupación de cada parcela. O Concello de Brión lembra que a utilización dos aparcamentos habilitados é totalmente gratuíto e que non hai que aboar cota algunha. Os autobuses farán transbordo no Centro Social Polivalente, pois a avenida de Santa Minia estará cortada á circulación de vehículos.
Sábado 28
Para o sábado 28 de setembro está prevista un pasarrúas coa charanga Apeles (10:00 horas) e o tradicional concerto da Banda de Música Municipal de Brión (13:30 horas). Pola tarde, tempo para os malabares e a maxia cómica de “Roi o cagabolas” (17:30 horas) e a actuación dos alumnos e alumnas da Escola de Baile e Pandeireta de Brión, que este ano terá lugar na praza do Concello ás 18:30 horas. Tras a actuación de Brisas da Croa (19:30 horas), a orquestra Tambo pechará os festexos de Santa Minia 2013.











