Brión avanza no asfaltado e novos servizos para a AC-451 ao seu paso por Pedrouzos
As obras de mellora na AC-451 ao seu paso pola avenida de Santa Minia en Pedrouzos (Brión) avanzan a bo ritmo, uns traballos que se están a realizar de xeito coordinado entre tres axentes diferentes: o Concello de Brión, a Xunta de Galicia e a iniciativa privada. O alcalde de Brión, Xosé Luís García, explica que “ao coordinar estas tres actuacións no tempo podemos conseguir moitas vantaxes: a primeira para os veciños, que non teñen que soportar molestias por triplicado; e a segunda dende o punto de vista económico, pois non ten moito sentido arranxar unha estrada para despois volvela furar”.
Así, en Pedrouzos conflúen nestes momentos tres obras diferentes pero que teñen un eixo común: desenvólvense ao longo da avenida de Santa Minia, a estrada AC-451. A primeira delas é de promoción privada e consiste na instalación dun novo transformador eléctrico para dar servizo a una nova promoción de vivendas en Pedrouzos. Uns traballos que incluían a necesidade de soterrar o cableado entre este novo transformador e o situado a carón do cuartel da Garda Civil de Brión.
Arranxo da AC-541
A segunda obra está relacionada co saneamento municipal brionés, xa que a empresa concesionaria deste servizo en Brión tiña que desprazar dous pozos de barrena que quedaron situados no medio da calzada da AC-541 cando se ensanchara esta estrada. A terceira obra consiste no arranxo do firme da AC-541, que se atopaba nun estado de conservación lamentable, cheo de fochancas e mesmo sen capa de rodadura nalgúns tramos. Precisamente, os traballos de asfaltado non benefician a todo a estrada, senón que tan só se centran naqueles tramos en peor estado de conservación.
Xosé Luís García sinala que “despois de varios anos solicitando o arranxo da AC-541, finalmente o conselleiro de Política Territorial, Agustín Hernández, comprometera o arranxo desta importante estrada durante este mesmo verán”. De feito, a idea de coordinar estas tres obras tivo lugar o pasado 12 de xuño, durante o acto de inauguración da estrada AC-304, que comunica Os Ánxeles coa entrada/saída da Autovía Santiago-Brión. O alcalde brionés agradeceu a boa disposición de Agustín Hernández para o arranxo da AC-451, “pois é unha das estradas máis transitadas do municipio, pois é o acceso principal a Pedrouzos, ao Concello e á Carballeira de Santa Minia pero se atopaba nun estado tan lamentable que en máis dunha ocasión temos dito que se trataba da maior corredoira que tiñamos en Brión”.
As obras comezaron a mediados do mes de xullo e estarán rematados posiblemente ao longo da próxima semana. Durante ese tempo, e mentres duren os traballos de asfaltado, o tráfico pola avenida de Santa Minia estará regulado por semáforos de obra, aínda que non será preciso cortar o tráfico en ningún momento.











