Ferrol abre o prazo de presentación de ofertas para as actividades extraescolares do curso 2013-2014
A Concellería de Educación do Concello de Ferrol, que dirixe Susana Martínez Galdós, abriu hoxe o prazo que as empresas interesadas presenten ofertas á prestación do servizo do programa educativo municipal “Actividades Extraescolares” para o curso académico 2013-2014. O anuncio de licitación para a contratación do servizo foi publicado hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e a data límite de presentación de propostas será de oito días naturais, contados dende mañá. O orzamento base de licitación ascende a un total de 105.656,32 euros (IVE incluído), e o servizo será contratado dende outubro de 2013 a maior de 2014 -ámbolos meses incluídos-.
O programa de actividades extraescolares ofertadas pola Concellería de Educación e que se impartirán nos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) do municipio son máis dunha trintena: Alemán; linguaxe de signos; técnicas de estudo; habilidades sociais e de comunicación; informática, internet, blogs e redes sociais; emprendemento e habilidades cooperativas; creatividade; guitarra; xogos de mesa; informática musical; risoterapia; pilates; conta contos; xardíns e semilleiros escolares; hortas e semilleiros escolares; música (gaita galega, percusión tradicional, iniciación á música…), patinaxe, baile (baile moderno, baile galego…), debuxo e pintura, teatro, xogos cooperativos e xogos tradicionais, ximnasia rítmica, capoeira, chinés, francés, karate, judo, fotografía, informática e internet, manualidades, fútbol e baloncesto. Os centros de ensino xa escolleron segundo as súas preferencias as actividades extraescolares que impartirán ao longo de oito meses, de outubro de 2013 a maio de 2014 (ámbolos dous inclusive).Este programa municipal de educación, por tratarse de obradoiros de apoio ao ensino formal impartido dende os CEIP, terá un horario en quenda de tarde de luns a venres. O tempo que dedicará cada grupo de alumnos/as á actividade será de dúas horas semanais.











