O programa de verán inclúe catorce propostas especialmente dirixidas aos nenos
O Concello da Laracha presenta o completo programa municipal de actividades de verán que se desenvolverá durante os meses de xullo e de agosto e que inclúe un total de catorce propostas culturais, deportivas e sociais especialmente dirixidas aos nenos.
Nesta edición do programa apostarase por dar continuidade ás propostas que contaron cun maior respaldo por parte dos veciños do municipio en base ás cifras de participación, reforzaranse os exitosos campamentos urbanos que se organizaron por primeira vez no ano pasado e volverase a apostar polos deportes náuticos. Ademais, inclúense por primeira vez varias rutas a realizar en bicicleta de montaña.
O programa porase en marcha cos tradicionais campamentos de verán que se realizan en Caión. A primeira quenda será do 1 ao 5 de xullo e poden participar nenos nados entre os anos 2002 e 2005. A segunda quenda, do 8 ao 12 de xullo, é para rapaces que naceron entre 1998 e 2001. En ambos casos o autobús recollerá cada día aos nenos na Praza do Concello ás 10.00 e regresará ás 18.00 horas. O Concello da Laracha faise cargo do transporte, a comida e as actividades a realizar en Caión. Os participantes soamente asumirán os custos da entrada ao aquapark de Cerceda e da xornada multiaventura programadas no calendario de actividades a realizar durante toda a semana.
Os nenos de 3 a 7 anos de idade tamén terán campamentos, neste caso urbanos, despois do éxito obtido no ano pasado. Coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia porase en marcha esta proposta a desenvolver en horario de mañá en instalacións de titularidade municipal situadas na capital do concello. As actividades a realizar terán como transfondo a educación en igualdade. A primeira quenda desenvolverase do 8 ao 12 de xullo e, a segunda, do 5 ao 9 de agosto.
Outras das propostas xa clásicas do programa de actividades de verán son os campus dos deportes máis practicados no municipio. O de fútbol será do 15 ao 20 de xullo no Campo Municipal da Laracha. A quenda dos nenos de 5 a 9 anos irá das 10.00 ás 12.00 horas. Das 12.00 ás 14.00 participarán rapaces con idades comprendidas entre os 10 e os 15 anos. Unha proposta complementaria será o torneo de fútbol 3×3 a celebrar o 26 de xullo, estando aberta a inscrición a nenos de 5 a 11 anos.
O campus de baloncesto terá lugar entre os días 29 de xullo e 2 de agosto e vai dirixido a rapaces de entre 5 e 14 anos. Desenvolverase de 11.00 a 13.00 horas no pavillón municipal da Laracha.
Os tamén tradicionais cursos de manualidades e pintura realizaranse en sesións semanais de dúas horas de duración nos meses de xullo e agosto na centro sociocultural de Santa Lucía, na Laracha. Vai dirixido a nenos de 4 a 17 anos.
O domingo 11 de agosto celebrarase o evento que cada ano congrega a un maior número de persoas. O Día da Bici alcanza a súa 26ª edición cun percorrido que parte da Laracha, pasa por Paiosaco e finaliza na praza Eduardo Vila Fano de Caión.
Para os ciclistas que dispoñan dunha bicicleta de montaña e que sexan maiores de 8 anos, haberá catro rutas nas mañás dos sábados 13 e 20 de xullo e 3 e 10 de agosto que se van realizar coa colaboración do club Laracha en Dúas Rodas.
Os nenos de 5 a 8 anos disfrutarán dunha xornada de xogos recreativos na piscina municipal da Laracha o día 21 de agosto.
A praia de Caión acollerá as actividades náuticas, en cuxa organización o Concello conta coa colaboración do club Caión na Onda. Propóñense cursillo de iniciación ao pádel surf (8 de agosto, maiores de 10 anos) e ao surf (29 de agosto, maiores de 8 anos) en horario de mañá e cun custe de 15 euros para cada actividade.
Por último, salientar as saídas que se realizarán para disfrutar do aquapark de Cerceda (23 de xullo e 3 de agosto), practicar kayak no río Eume (20 de agosto) e ráfting no río Ulla (27 de agosto).
Desde o Concello da Laracha ponse en marcha este programa para ofrecer divertidas propostas para o aproveitamento do tempo libre dos nenos durante as súas vacacións de verán. De luns a venres haberá actividades culturais e deportivas municipais durante case todos os días dos meses de xullo e agosto, o que tamén facilita a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais.
O prazo de inscrición abrirase o a finais da próxima semana, unha vez desenvolvida a campaña informativa en todos os centros de ensino do municipio. As persoas que desexen anotarse nas diferentes disciplinas deberán facelo acudindo ao Concello da Laracha.











