O Concello require a 160 propietarios de fincas urbanas para acometer a súa limpeza
O Concello da Laracha requiriu aos propietarios de fincas e solares situados nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión que non se atopan en bo estado de mantemento, conservación, limpeza e ornato público a obrigatoriedade de acometer as actuacións oportunas para cumprir o establecido pola Lei 9/2002, de 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia.
Foron notificados 160 propietarios para realizar ditas actuacións. No caso de persistir o incumprimento, será o Concello da Laracha o que acometa subsidiariamente a limpeza dos solares, debendo asumir o propietario o custo dos traballos.
Deste xeito, o Concello da Laracha leva a cabo as funcións administrativas correspondentes para dar cumprimento á lei de prevención de incendios e mantemento do ornato público nas fincas e solares de propiedade particular situados nos cascos urbanos.











