O Concello propón financiar co fondo de compensación ambiental un plan para potenciar a reciclaxe nas parroquias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria hoxe luns, acordou solicitar a participación do Concello da Laracha na convocatoria de subvencións da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.

Esta convocatoria de axudas finánciase con ingresos derivados do canon eólico e ten por finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e o reequilibrio territorial.

As accións subvencionables deben dirixirse ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enérxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos galegos.

O Concello da Laracha presenta un proxecto a través do que solicita a participación nas dúas liñas deste programa, por unha banda propoñendo a adquisición de maquinaria para acometer as labores de mantemento, limpezas e desbroce das áreas verdes públicas e, por outra parte, promovendo o desenvolvemento dun amplo plan dirixido a potenciar a reciclaxe e a diminuír a cantidade de residuos sólidos urbanos que se recollen no termo municipal.

Dito plan suporía a instalación en núcleos rurais de preto dun centenar de novos colectores de recollida selectiva, co que o Concello da Laracha pretende un dobre obxectivo: favorecer ao medio ambiente ao xerar unha menor cantidade de lixo aumentando o material para a reciclaxe e reducir os custos do transporte e tratamento na central de Sogama dos residuos, ao que se destinan anualmente uns 400.000 euros do orzamento municipal.

O proxecto que o Concello da Laracha presenta para ser financiado con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental supera os 40.000 euros.

Subvencións municipais a entidades, clubs, asociacións e deportistas individuais

Na Xunta de Goberno Local tamén foron outorgadas as subvencións municipais aos clubs deportivos, entidades, asociacións culturais e educativas, comisións de festas e aos deportistas individuais máis destacados.

En total repartíronse 146.500 euros entre os 57 beneficiarios da convocatoria deste ano, coa que o Concello da Laracha apoia de xeito económico, ademais de organizativo, ao tecido asociativo municipal.

10 de xuño de 2013 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.