O Concello organizará un curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio
A Dirección Xeral de Dirección e Colocación, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, vén de comunicar ao Concello a resolución favorable para que A Laracha organice un novo curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, unha acción formativa que consta de 618 horas lectivas –das cales 120 horas corresponderán á parte práctica- e que capacitará oficialmente aos alumnos que completen o curso para traballar no sector, xa que percibirán o título homologado pola Xunta de Galicia e terán dereito a solicitar o certificado de profesionalidade na citada especialidade.
Este curso de formación profesional vai dirixido prioritariamente a persoas desempregadas. Para a selección dos quince alumnos, o Concello da Laracha solicitará nos próximos días á Oficina de Emprego de Carballo un listado de persoas que se adecúen ao perfil requirido. A preselección dos candidatos efectuarase tras realizarse dita sondaxe e, posteriormente, os técnicos municipais outorgarán as prazas dispoñibles.
A Consellería de Traballo e Benestar financiará integramente este curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, cuxo orzamento ascende a 58.600 euros. O Concello da Laracha encargarase da organización, poñendo a disposición dos alumnos e do persoal docente o centro sociocultural de Lendo, unhas modernas instalacións que dispón dunha aula multiusos homologada para acoller este tipo accións formativas, equipada ademais cunha ampla e funcional cociña.
A Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e o Concello da Laracha volven apostar e a tomar medidas de interese para potenciar a formación das persoas desempregadas e ofrecerlles novas vías para a súa inserción no mercado laboral.











