publicidade hoxe

O alcalde avanza no pleno a ansiada adxudicación da redacción do proxecto do instituto pola Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, avanzou ao inicio do pleno ordinario celebrado ao mediodía de hoxe unha importante noticia para os veciños de Culleredo. Segundo puido saber o Concello, a Xunta de Galicia acaba de adxudicar por fin a redacción do proxecto para a construción do ansiado e necesario instituto de Educación Secundaria.

De feito, apuntou Sacristán, o goberno municipal comezará xa o próximo luns a traballar coa empresa adxudicataria. O Concello ponse totalmente a disposición da Xunta para acelerar ao máximo o proceso e que o instituto poida chegar a tempo ao inicio do curso 2014 -2015.

As previsións da redactora do proxecto pasan porque a construción do IES alcance un presuposto duns 4,6 -4,8 millóns de euros. O período de execución da confección do proxecto será de dous meses.

Con esta noticia, a Xunta conclúe por fin o procedemento de contratación destes traballos de redacción do proxecto tras máis de tres anos dende que os sacara a licitación. O equipo de goberno mostra a súa satisfacción pola noticia e confía en que agora o proceso sexa “áxil” para dar resposta ás necesidades educativas de Culleredo.

Sacristán tamén anunciou no pleno que o Concello manterá outra reunión por outras das actuacións educativas reclamadas: a construción dun novo colexio de Educación Infantil e Primaria. O Concello comprou os terreos en Vilaboa e cedeullos á consellería.

Por iso, o alcalde manterá mañá venres un encontro cun representante do servizo de Construcións da Xunta, na que estará presente o arquitecto municipal. O obxectivo será que o Concello informe dos servizos do terreo de cara á elaboración do estudo de detalle.

O goberno de Culleredo mostra a súa total disposición para traballar de forma conxunta coa Xunta de Galicia e na medida das súas posibilidades facer realidade canto antes ambos os dous centros de ensino que necesitan os veciños.

Precisamente sobre educación tratou un dos puntos da sesión plenaria de hoxe, cunha moción presentada polo goberno municipal en rexeitamento á lei educativa que pretende aprobar o Goberno do Estado. A concelleira de Educación, Carmen Varela, foi a encargada de presentala, recordando que se trata dun anteproxecto de lei que non foi consensuado con ninguén e que conseguiu o rexeitamento unánime do resto de partidos políticos, as asociacións de pais, os sindicatos educativos ou os reitores das Universidades.

A proposta foi aprobada polo pleno cos votos favorables do equipo de goberno e do BNG e os votos en contra do Partido Popular de Culleredo.

Modificación do regulamento e apoio ao ferrocarril

O punto que logrou a unanimidade do pleno foi a moción de apoio ao ferrocarril presentada polo goberno municipal e consensuada cos nacionalistas. Sacristán presentou a proposta argumentando que aínda estando a favor dos servizos de longa distancia, isto “de ningunha forma” pode levar consigo a redución dos servizos de proximidade ou de media distancia.

Así, o pleno solicita á Xunta de Galicia e ao Estado que elaboren un proxecto, en consenso cos Concellos, que defina o tren como elemento vertebrador do territorio que é. Por Culleredo pasan ata tres liñas ferroviarias pero os beneficios que teñen os veciños son escasos ao ver diminuídos os servizos de forma drástica nos últimos anos.

Outro dos puntos da orde do día consistiu na modificación do regulamento orgánico municipal para introducir a figura da xunta de coordinación. Trátase do órgano que reúne, baixo a presidencia da alcaldía, a todos os concelleiros con competencias co obxectivo de establecer unha coordinación que garanta o funcionamento e organización municipal.

Ata agora as xuntas de coordinación xa celebrábanse pero o equipo de goberno decidiu formalizalas coa súa introdución no regulamento e que así os futuros gobernos poidan empregalas se o consideran oportuno. A experiencia do goberno é que se trata dun órgano necesario ao ser o único que reúne a todos os edís do goberno e promover o traballo coordinado entre áreas.

Como xa anunciara no pasado pleno e recolleron os medios de comunicación, o alcalde apuntou que se propoñerá unha indemnización por asistencia aos concelleiros sen dedicación dado que é razoable que a perciban por traballar no Concello con competencias e asistir ao órgano. Non obstante, aínda con estas indemnizacións, o novo goberno socialista logra un importante aforro de 25.000 euros anuais respecto aos gastos do anterior.

O pleno aprobou ademais, sen o apoio do PP, unha moción de goberno local e BNG en defensa dos dereitos das mulleres a decidir, en relación á modificación da lei do aborto que propugna o Estado, e outra moción do BNG, que apoiou o goberno local, a favor dos dereitos das persoas gay, lesbianas, bisexuais e transexuais.

27 de xuño de 2013 | 20:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.