A aula lúdica municipal adapta o seu horario ás vacacións de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

Coa chegada do verán e o remate do curso escolar 2012-2013, a aula lúdica municipal adaptará o seu horario a partir do vindeiro día 25 de xuño e ata o 6 de setembro.

Desde esa data prestará servizo aos usuarios pola mañá, desde as 9.00 e ata as 14.00 horas, presentando, por tanto, unha ampliación dunha hora con respecto ao tempo de apertura da instalación durante o tempo de duración do curso escolar.

A aula lúdica municipal está situada no edificio de servizos múltiples da Laracha. Trátase dun servizo de atención a nenos de 3 a 12 anos de idade que presta gratuitamente o Concello da Laracha para facilitar a conciliación persoal e laboral dos membros das familias con rapaces ao seu cargo.

Para poder ser usuarios requírese dunha solicitude previa que debe presentarse na propia aula lúdica ou no Centro de Información ás Mulleres, situado no novo edificio administrativo. Os únicos requisitos son que o neno estea empadroado no Concello da Laracha e que teña entre 3 e 12 anos de idade.

14 de xuño de 2013 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.