Reunión do operativo de seguridade da Xuntanza dos Maiores no Carballiño

Reunión do operativo de seguridade
O salón de plenos do Concello do Carballiño acolleu a reunión do operativo de seguridade para a Xuntanza dos Maiores, que se celebrará na vila do Arenteiro o próximo 22 de xuño. Á reunión acudiron os representantes das forzas de seguridade como Garda Civil, Protección Civil e Policía Local, así como do 061 e sergas, e foi presidida polo delegado provincial de Benestar, José Selas, o concelleiro de seguridade Emilio Carballeda, e o alcalde do Carballiño Argimiro Marnotes.
O operativo de seguridade conta cunha previsión de afluencia de público de máis de 20.000 persoas, e un movemento duns 300 autobuses máis vehículos privados. Por todo iso marcáronse unha serie de directrices a seguir durante esa xornada, en concreto dende as 10:00 ás 20:00 horas, aínda que algún destes operativos estará a funcionar ata a noite dese mesmo día.
A achega de cada parte integrada neste plan operativo será a seguinte. Por parte de Protección Civil traballasen ese día 42 voluntarios, cos necesarios medios técnicos como 3 todoterreos, un posto de mando avanzado, un autobús como centro sanitario, o vehículo motobomba, unha caravana de comunicacións e a embarcación pneumática.
Pola súa banda os medios sanitarios para a Xuntanza dos Maiores estará composto por 4 efectivos do 061, 2 ambulancias (UVI+asistencial) á que se debe engadir a ambulancia de cruz vermella e os seus vehículos de transporte, un posto de atención primaria e a ambulancia de protección civil.
En canto aos medios de seguridade, estes estarán compostos pola Garda Civil, cun total de 45 efectivos, a Policía Autonómica con 10 axentes, e a Policía Local con outros 10 axentes.
Pola súa banda o Concello do Carballiño achegará tamén o persoal necesario para a limpeza, acondicionamento e mantemento da zona onde se desenvolverá a festa, no Parque Municipal, incluíndo as fontes naturais do parque, así como persoal do equipo eléctrico municipal.
Instalaranse tamén fitas e sinais nas zonas non peonís co obxectivo de previr accidentes.











