Os obras de restauración do Hospital de Peregrinos de Montemaior entran na súa última fase

O rexedor visitando as obras
A restauración do antigo hospital dos peregrinos da parroquia de Montemaior entrou na súa fase final. José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Jesús Souto, concelleiro responsable da área de obras públicas, reuníronse hoxe no interior do propio edificio co director de obra e o responsable da empresa que está a executar o proxecto para coñecer persoalmente o bo ritmo no desenvolvemento dos traballos.
Os representantes do goberno local comprobaron que xa están completadas as tarefas de restauración das paredes de pedra e a división de espazos interiores, cambio das ventás, traballos de carpintería, construción dos aseos –un deles público, con acceso exterior e adaptado para persoas con mobilidade reducida- e conexións de fontanería. As labores que restan por realizarse corresponden á colocación do solo, instalación dos sanitarios e completar o cableado eléctrico. A estimación é que o proxecto estea completamente executado nun prazo aproximado duns quince días.
Esta é a segunda fase das obras de rehabilitación deste histórico edificio, que vén a complementar á xa desenvolvida en 2012, consistente na renovación da cuberta, paredes exteriores e tamén certos traballos de carpintería e fontanería no interior do inmoble. O orzamento é de 40.000 euros, cofinanciados entre o Concello da Laracha e a Deputación Provincial da Coruña.
O hospital dos peregrinos de Montemaior está situado fronte á capela de Santa Margarida, lugar que acolle a famosa e multitudinaria romaría cada 20 de xullo. Ademais do recuperar a súa estética exterior, o edificio poderá destinarse, unha vez rematadas as obras, a usos sociais e culturais.
A rehabilitación do antigo hospital dos peregrinos de Montemaior é posible grazas ao convenio de colaboración entre o propio Concello da Laracha e o Arcebispado de Santiago de Compostela, de similares características aos que posibilitaron recuperar e dar novos usos durante os últimos anos a elementos do patrimonio histórico municipal como as casas reitorais de Golmar e de Caión.











