publicidade hoxe

O Concello sinalizará a ruta de BTT deseñada polo Club Laracha en Dúas Rodas e a “Senda das Capelas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Concello da Laracha acometerá nos próximos días os traballos de sinalización da ruta para realizar con bicicletas de montaña (BTT) que foi deseñada polo club ciclista Laracha en dúas rodas, e tamén a “Senda das capelas”, o percorrido a pé pola parroquia de Montemaior creado pola Asociación Ambiental Senda Nova.

No caso da ruta ciclista, a primeira que se establecerá de xeito oficial no municipio, o inicio e final está fixado no centro do casco urbano da Laracha. Ten unha distancia total de 41,5 quilómetros e discorrerá por lugares de gran beleza natural, paisaxística e tamén de importancia histórica e cultural para o Concello da Laracha, tales como o miradoiro de Santa Marta, o mosteiro de San Pedro de Soandres e, entre outros puntos, o centro de interpretación dos muíños de auga da Costa da Morte (museo da casa reitoral de Golmar). A dificultade da ruta é moderada e alcanza os 1.050 metros de desnivel acumulado.

O Concello da Laracha instalará setenta indicadores ao longo do itinerario para poñer en valor a ruta e facilitar a súa realización por parte do público en xeral en calquera época do ano na que as condicións climatolóxicas o permitan e sen necesidade de guías.

O club ciclista Laracha en dúas rodas ten previsto organizar un evento no próximo mes de xullo no que bautizarán co nome definitivo e presentarán oficialmente a ruta. Cabe lembrar que esta mesma entidade é tamén a promotora da denominada “Marcha en BTT polas cabeceiras do Anllóns” que se vén realizando desde 2009, así como da pedalada solidaria que comezou a desenvolver o ano pasado a favor de asociacións benéficas, sempre involucrando á veciñanza en xeral do municipio.

Senda das Capelas

Por outra banda, en próximas datas tamén se sinalizará sobre o terreo a “Senda das Capelas”, creada pola Asociación Ambiental Senda Nova en colaboración co Concello da Laracha. Neste caso trátase dunha ruta a pé de dificultade media-baixa. Partindo de Santa Margarida, ao longo de quince quilómetros de percorrido, visítanse as capelas da Nosa Señora de Cumiáns e San Roque da Pena, así como os restos das antigas Torres do Viso, antes de chegar ao final, fixado no Igrexario da parroquia de Montemaior.

No Concello xa existen percorridos para realizar a pé correspondentemente sinalizados por medio de indicadores, tales como as dúas rutas dos muíños (museo de Golmar-área recreativa de Gabenlle e museo de Golmar-Caión) e os itinerarios creados no marco do proxecto Mar de Caión (percorridos polo porto, a vila e a praia).

Por medio da creación e sinalización destas rutas o Concello da Laracha procura ofrecer novas propostas deportivas e de ocio ao mesmo tempo que pon en valor o seu patrimonio histórico, cultural, natural e paisaxístico.

6 de maio de 2013 | 12:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.