O Concello licitará nos próximos días os mantementos do alumeado público e as zonas verdes
O Concello da Laracha está a ultimar a redacción dos pregos que rexerán os procedementos abertos para a contratación dos servizos de mantemento das zonas verdes e do alumeado público no termo municipal durante os próximos catro anos (prorroglables por outros dous máis). Nos próximos días ambos concursos serán sacados a licitación, abríndose nese momento o prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas.
No caso do alumeado público, o contrato incluirá as labores de mantemento dos focos e os seus correspondentes soportes, inspección continúa das luminarias, reposición das lámpadas, conservación das canalizacións e centros de mando, a programación de acendidos e apagados totais e parciais de cada unha das instalacións e, no caso de ser requirido polo Concello, o retranqueo dos puntos de luz.
O alcance deste prego é a totalidade das instalacións da iluminación pública do termo municipal da Laracha, tanto as situadas nos cascos urbanos como nas parroquia. Por tanto, afectará a 160 cadros de mando e a máis de dous mil puntos de luz.
En canto á conservación das zonas verdes, o prego inclúe 38 ámbitos cunha superficie total 86.000 metros cadrados. Trátase, esencialmente, das principais áreas de recreativas e de descanso das parroquias, así como das prazas e parques públicos, os paseos fluviais e os entornos de edificios e instalacións de titularidade municipal.
Neste caso os servizos que comprende o contrato serán o continuo mantemento en bo estado, así como o coidado das especies vexetais e, de ser o caso, a reparación dos sistemas de rego automático.
Tanto o alumeado público como a conservación en bo estado das áreas verdes son servizos prioritarios para o Concello da Laracha por consideralos básicos para garantir a seguridade no termo municipal en horas de pouca ou inexistente luz solar, e tamén para ofrecer aos nosos veciños zonas de ocio e descanso que estean en perfectas condicións para ser visitadas por nenos e adultos en calquera época do ano.
En ambos casos o ámbito de actuación contemplado nos novos pregos será maior que nos anteriores debido ás melloras realizadas durante os últimos anos no alumeado e á creación por parte do Concello de novas instalacións municipais e áreas verdes, coa súa correspondente iluminación pública exterior.
Nos últimos días o Concello da Laracha xa adxudicou, en ambos casos a Aspaber, os contratos para a prestación doutros dous servizos públicos, como son a xestión das instalacións do punto limpo e a limpeza viaria. A próxima semana está previsto finalizar o procedemento polo que se adxudicará á empresa Valoriza Facilities, S.A.U –trala valoración realizada pola mesa de contratación- a limpeza de edificios e instalacións de titularidade municipal.











