publicidade hoxe

Caión acollerá o sábado un obradoiro gastronómico do programa “Cómete o mar”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Concello da Laracha e o Consellería do Medio Rural e do Mar organizan o obradoiro gastronómico que se desenvolverá durante a mañá deste sábado no paseo marítimo da localidade de Caión, moi preto da Confraría de Pescadores e do museo do Arquivo da Pesca.

A actividade será unha das primeiras que se desenvolverán no marco do programa Cómete o mar, a primeira proposta conxunta de gastronomía e turismo mariñeiro da costa galega que precisamente foi presentado no día de onte pola conselleira Rosa Quintana nun acto desenvolvido en Santiago de Compostela.

O obradoiro gastronómico denominado á beira do mar que se vai celebrar en Caión este sábado desde as 10.00 e ata as 15.00 horas consistirá nunha exhibición de cociña, de acceso libre, nas que as persoas que acudan como espectadores poderán interactuar cos cociñeiros durante a produción de pratos elaborados con produtos do mar e, ao remate, degustalos.

A xornada complementarase cunha exposición de traballos realizados polas redeiras de Corme.

A iniciativa Cómete o mar inclúe na súa web (www.cometeomar.com) unha rede de restaurantes da costa galega nos que se ofertan menús orixinais e diferentes, elaborados con produtos do mar de primeira calidade de cada unha das zonas. Tamén propón unha ruta de tapas mariñeiras.

O programa Cómete o mar é promovido pola Consellería do Mar e do Medio Rural e os Grupos de Acción Costeira (GACs) de Galicia.

29 de maio de 2013 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.