Avanzan as obras para a creación do novo aparcamento público no cruceiro de Lendo
A execución do proxecto deseñado e financiado polo Concello da Laracha dirixido a crear un novo aparcadoiro público no lugar de O Cruceiro da parroquia de Lendo avanzan a bo ritmo de actuación.
Os traballos referidos á completa limpeza da biomasa vexetal xa están concluídos e nos próximos días finalizarase o acondicionamento do terreo aplanando a superficie. A continuación construirase un peche perimetral que delimitará a zona e acometerase a pavimentación en zahorra e a correspondente sinalización para rematar o proxecto.
Esta nova área de aparcadoiro público de vehículos ten unha superficie superior aos dous mil metros cadrados e capacidade para uns cen automóbiles. Estase acondicionado xusto fronte ao centro sociocultural de Lendo e a poucos metros da igrexa de San Xiao e o cemiterio parroquial.
A actuación promovida polo Concello facilitará o estacionamento neste punto de alta presenza de vehículos principalmente nos días de celebración de determinados actos relixiosos e tamén durante as festas patronais.
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e José Ramón Martínez Barbeito, primeiro tenente alcalde, reuníronse esta mañá co responsable da empresa que está a executar o proxecto no propio lugar das obras.











