publicidade hoxe

Reunión coa conselleira de Medio Rural para impulsar en Abegondo un parque ecoagrario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de Abegondo ten claro o importante papel do municipio para o desenvolvemento agrario e forestal da comarca, un sector considerado hoxe en día clave para a xeración de oportunidades de emprego. As características de Abegondo convérteno en ideal para ser a “gran horta” da Coruña e a súa área metropolitana: vastas extensións de terreos, infraestruturas de comunicación para proporcionar a mobilidade necesaria e o asentamento de centros especializados no eido agroforestal como son o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e o Instituto Galego de Calidade Agroalimentaria.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, vén de manter unha reunión coa conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, co obxecto de traducir estas oportunidades en accións concretas. A proposta do Concello consiste na creación dun polígono ecoagrario, o primeiro de Galicia, dirixido exclusivamente a este sector, promovendo o emprendemento e formación, e incluíndo un viveiro de empresas.

Para iso, o goberno local reservou no Plan Xeral de Ordenación Municipal o solo necesario para a súa posta en marcha. Emprazarase na zona sur do municipio, na parroquia de Montouto, onde se reservaron 642.676 metros cadrados de solo urbanizable non delimitado. Esta área desenvolverase a través dun proxecto de sectorización e dedicarase a actividades agropecuarias e agroindustriais.

A conselleira viu con bos ollos a idea do Concello de Abegondo, e comprometeuse a estudiala para concretar a fórmula de colaboración da Xunta de Galicia. Explicoulle ao alcalde que concorda cos planes da Consellería promover os polígonos agrarios fronte aos industriais.  Ademais apuntou como viable que o polígono ecoagrario de Abegondo encaixe nos programas de axudas ao tratarse dunha experiencia piloto.

O Concello prevé que o desenvolvemento do parque se executa de forma progresiva, en diferentes fases, froito dun modelo de colaboración público – privada. Son catro as accións principais necesarias para levar a cabo este proxecto:

– Posta en valor dos terreos aptos para a produción. O Concello levará a cabo accións de divulgación e sensibilización entre a poboación para potenciar as producións primarias. Ao mesmo tempo realizarase accións de intermediación entre os propietarios das terras e os emprendedores, co obxecto de facilitar a posta en marcha das iniciativas empresariais.

– Construción de naves agroindustriais. Dentro do conxunto de infraestruturas necesarias para a posta en marcha do polígono (urbanización, vías, parcelacións, enerxías, subministracións, naves etc.) destaca a habilitación de naves a disposición dos emprendedores locais en réxime de aluguer. Executaranse conforme a un proxecto específico e con caraterísticas homoxénas, debendo reunir as condicións mínimas para a recepción, almacenaxe e transformación de produtos diversos. As inversións específicas en maquinaria e instalacións realizaranse a medida de que se vaian desenvolvemento as producións primarias, podéndose empezar por transformacións de produtos lácteos, hortofrutícolas, produtos apícolas, produtos destilados, ou produtos precociñados.

– Viveiro de empresas de carácter agrario. A incorporación dun viveiro de empresas de carácter agrario no propio polígono permitirá acoller aquelas empresas ou emprendedores que necesiten un espazo máis reducido para levar a cabo a súa actividade empresarial e onde os emprendedores poden dispoñer dunhas instalacións e servizos a uns prezos máis asumibles que os habituais de mercado por un período de tempo determinado.

– Plan de acción integral para os desempregados e emprendedores. O Concello promoverá un plan para mellora da empregabilidade das persoas desempregadas con base na formación e cualificación profesional e por outra banda potenciará o autoemprego e o cooperativismo como fórmula de economía social. Para iso precisarase executar instalación coma aulas para a formación e oficinas, invernadoiro para prácticas e fincas de ensaio.

O alcalde destaca que Abegondo “reúne as condicións idóneas para xogar un papel decisivo no denominado tránsito do mundo agrario ao mundo rural”. Fronte a exemplos de polígonos industriais ao uso que hoxe en día teñen dificultades para arrancar, este proxecto diríxise a un sector moi concreto no que está demostrado que existen oportunidades de desenvolvemento económico e emprego.

“O rural debe reinventarse, buscar a innovación e a diferenciación. Ese é o único camiño para o desenvolvemento económico e o asentamento poboacional”, afirma Santiso.

O alcalde de Abegondo agradece a receptividade amosada pola Xunta de Galicia e confía en que o carácter innovador e pioneiro do proxecto, unido a que potenciará unha prioridade coma a xeración de emprego, impulse a colaboración entre o sector público e privado para que se inicie o traballo de cara a contar co parque ecoagrario.

1 de abril de 2013 | 11:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.