O Concello de Brión ofrece aos veciños 6 obradoiros prácticos de informática
O Concello de Brión abre o prazo de inscrición en seis obradoiros de informática, de dúas horas de duración, nos que se ensinará aos alumnos a manexar unha aplicación determinada. A oferta do Concello de Brión inclúe edición de blogs, elaboración da declaración da renda por Internet, busca de emprego na Rede, configuración e xestión de contas de correo electrónico, busca de datos en Internet e manexo de mapas e localización.
A inscrición estará aberta na Casa da Cultura e no teléfono 981 509 908 ata o xoves anterior á realización dos cursos, que se impartirán todos os luns entre o 22 de abril e o 27 de maio en horario de 18:00 a 20:00 horas. A cota de inscrición é de 5 euros por curso e para a realización do obradoiro é preciso un mínimo de oito inscritos.
As clases terán lugar no telecentro de comunicación de Brión e a cronoloxía dos mesmos é a seguinte: busca de datos na rede (22 de abril), busca de emprego na rede (29 de abril), declaración da renda por internet (6 de maio), edición de blogs predeseñados (13 de maio), mapas e localización (20 de maio) e contas de correo electrónico (27 de maio).











