publicidade hoxe

Lección de letras e pincel na presentación de “A costureira das ánimas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal
A-
A+
Presentación de "A costureira das ánimas"

Presentación de “A costureira das ánimas”

O Concello de Abegondo celebrou o Día do Libro con a excelencia das letras e debuxos do ilustrador Suso Cubeiro e a escritora Ana Prado, dous insignes veciños do municipio que se uniron para crear “A costureira das ánimas”. O Concello presentou na noite de onte a obra nun acto onde non faltou o recitado de fragmentos do libro e onde o numeroso público asistente se quedou asombrado do talento para a ilustración de Suso Cubeiro.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, presidiu o acto. Recordou o encontro mantido hai uns meses polos artistas abegondeses, das diferentes manifestacións artísticas, co conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez. “Quedouse moi sorprendido do nivel de artistas que temos en Abegondo”, desvelou Santiso.

O primeiro edil confesou o máximo interese do Concello en promover o sector cultural propio de Abegondo e por iso non encontrou mellor forma de conmemorar o Día do Libro que presentando unha obra realizada por dous abegondeses e cuxo argumento transcorre ademais en Abegondo. É esta mesma liña de actuación, Santiso apuntou a a mostra do escultor Francisco Escudero, que se pode gozar no Salón de Mabegondo.

Suso Cubeiro revelou de onde lle chegou a inspiración para “A costureira das ánimas”. Un día, no centro de saúde de San Marcos, mentres esperaba para entrar na consulta do médico, leu nun xornal unha entrevista cunha antiga costureira. Entón empezou a mesturar ese oficio coas ánimas e xurdiu a idea que logo pouco a pouco, en conversacións con Ana Prado e con veciñas de Abegondo foron convertendo na historia que conta o libro.

O ilustrador aproveitou o Día do Libro para facer un agasallo ao Concello de Abegondo. Mentres Ana Prado recitaba fragmentos da obra, Cubeiro colleu o pincel e un caderno e ante a admiración do público realizou un debuxo de Roberto Vidal Bolaño, protagonista das Letras Galegas deste ano. En 10 minutos completou o reto. O debuxo doouno á Biblioteca de Abegondo, que onte regalou un libro a cada veciño que se pasou pola dependencia.

Na presentación tamén interveu Miguel Blanco, director do CEIP San Marcos, que resaltou a importancia de coñecer o pasado de cara ao futuro, ao que contribúe a historia de Cubeiro e Prado. “A costureira dás ánimas” conta a historia dunha costureira moi especial que deambula de aldea en aldea ata que nunha delas se encontra cun interesante traballo.

24 de abril de 2013 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.