Brión e o Colexio de Pedrouzos construirán 2 novos patios exteriores para os rapaces

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocal
A-
A+
Inicio das obras de mellora

Inicio das obras de mellora

O Concello de Brión e o CEIP de Pedrouzos están a colaborar na construción de dous novos patios para os nenos e nenas que estudan no centro. O alcalde de Brión, Xosé Luís García, explica que “dende o colexio están a colaborar cuns fondos que tiñan para actuacións de mellora e que se destinaron á compra de material. E dende o Concello estamos a facer os traballos a través da nosa brigada de obras”.

Os traballos consisten na realización do desmonte dunha parcela anexa ao actual patio dos pequenos e que actualmente estaba sen ningún uso, especialmente pola súa forte pendente. Sobre esa área, a brigada de obras do Concello de Brión está estes días a habilitar dúas parcelas, a dúas alturas diferentes, que permitirán habilitar dous patios exteriores diferentes. Uns patios que contarán co seu correspondente peche perimetral e que serán dotados tanto de céspede como de aparellos de xogo para os cativos. A previsión é que os traballos estean completamente rematados antes de finais deste mes de abril.

Petición da comunidade escolar

Deste xeito, o Concello de Brión dá resposta ás peticións presentadas o pasado 28 de febreiro polos mestres do CEIP de Pedrouzos durante a visita de 120 cativos á casa consistorial de Brión. Daquela, Xosé Luís García comprometérase a estudar as demandas e a resolver moitas delas, como as peticións de plantar máis árbores ou de facilitar distintos materiais cos que organizar xogos e circuítos para os pequenos.

A petición de ampliación do patio excedía inicialmente das competencias municipais, xa que a administración competente sería a Xunta de Galicia. Sen embargo, a negativa trasladada pola Xunta de Galicia ao CEIP de Pedrouzos motivou que colexio e Concello chegasen a un acordo de colaboración que está a posibilitar que os nenos e nenas de Brión poidan disfrutar en breve de dous novos espazos de ocio.

11 de abril de 2013 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.