publicidade hoxe

As Mariñas reorienta o seu gabinete de inserción sociolaboral cara os colectivos con dificultades especiais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal
A-
A+

O persoal dos Servizos Sociais dos 9 concellos que integran o Consorcio As Mariñas acudiron hoxe a unha xornada de formación, que tivo lugar en Betanzos, coa finalidade de coñecer a reorientación que se impulsará ao Gabinete de Inserción Sociolaboral do Plan Coordinador de Servizos Sociais do Consorcio.

Máis de 30 profesionais dos Servizos Sociais comunitarios (traballadores sociais, educadoras, psicólogas, pedagogas…) participaron nesta sesión formativa, de cara a asumir os manuais de procedemento e protocolos do Gabinete de Inserción Sociolaboral, material que foi elaborado polo equipo do Plan Coordinador e consensuado cunha representación dos Concellos.

Esta reorganización do servizo está dirixida a voltar o Gabinete ás súas orixes e traballar, desde o único dispositivo público que existe neste ámbito, cos perfís e déficits e carencias que motivan a súa baixa empregabilidade. Persoas con discapacidade, con problemas de saúde mental, cun nivel de formación moi baixo son os colectivos nos que se vai a centrar a atención co fin de ofrecer unha maior calidade e un acompañamento máis cercano.

Entrevistas personalizadas, deseño de itinerarios individualizados, brigadas de inserción, obradoiros de motivación para o emprego e de adquisición de habilidades sociais, formación a medida en empresas, cursos de competencias clave….son moitas das alternativas que se ofrecerán para aqueles colectivos con maiores dificultades no acceso ao mundo laboral.

Este servizo, creado hai máis de 10 anos co obxectivo de apoiar no acceso ao mercado laboral a aquelas persoas con especiais dificultades, viuse desbordado nos últimos anos pola afluencia de persoas que non cumprían este perfil, demandando traballo como consecuencia da crise económica. Isto motivou que este dispositivo, que naceu cunha metodoloxía de traballo dirixida a persoas con dificultades na empregabilidade, se atopara atendendo a moita poboación para o que non estaba deseñado, duplicando en ocasións aos servizos de emprego locais, ademais de non poder centrar os esforzos nas persoas para os que estaba pensado inicialmente, isto fixo necesario unha reorientación e reorganización do Gabinete de Inserción Sociolaboral cara os colectivos con especiais dificultades no acceso ao mundo laboral, con problemas de empregabilidade, e non todo aquel que non ten emprego, xa que para iso existen outras opcións específicas desde outros organismos e institucións.

12 de abril de 2013 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.