publicidade hoxe

Sácase a licitación o sistema de sensores para coñecer o nivel dos colectores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal
A-
A+

O Consorcio As Mariñas traballa para introducir a innovación no servizo de recollida dos residuos sólidos urbanos, co obxecto de promover un funcionamento óptimo e eficiente. O ente supramunicipal saca a licitación o desenvolvemento dun sistema que, mediante sensores, permita coñecer o enchido de colectores e así poder aplicar medidas que promovan o aforro.

A finalidade do sistema consiste na optimización das rutas de recollida de lixo nos nove municipios que conforman a área de traballo dos camións. Un sistema eficiente de recollida conlevará unha redución do consumo de combustible e, consecuentemente, da emisión de CO2 á atmosfera, por parte da flota de vehículos que presta o servizo.

Un sistema de sensores permitirá coñecer os niveis de enchido dos colectores de vidro e papel dende calquera punto con conexión a internet, de maneira que se poida decidir, antes da saída dos vehículos de recollida, os itinerarios a realizar en función dos devanditos niveis. Desta maneira optimizarase o proceso, reflectido no número de viaxes e kilometraxe realizado polos vehículos de recollida, así como as horas adicadas polo persoal para os traballos.

A iniciativa do Consorcio conseguirá unha redución do número de percorridos para o baleirado dos contedores, posto que recibirase un aviso cando os contedores se atopen a partir de tres cartos do enchido. Estímase que mensualmente se reducirá unha ruta de recollida de vidro e unha ruta de recollida de papel. Outro dos beneficios do sistema consistirá en conseguir unha maior limpeza do entorno dos colectores. Ao non ter case puntos de recollida desbordados o estado será mellora. A ferramenta permite tamén que ao recibir o aviso de enchido, o Consorcio impulse a limpeza do punto. O Consorcio licita esta funcionalidade cun orzamento total de 76.000 euros. O procedemento de contratación é aberto, finalizando o prazo de presentación de ofertas 15 días hábiles contados desde o día de hoxe.

Este proxecto do Consorcio foi galardoado co Premio Coopera Galicia 2012, convocado pola Xunta de Galici. Este primeiro posto do certame estaba dotado de 40.000 euros, empregados agora para o súa elaboración. Estímase que o aforro que conseguirá este novo sistema será de 34.936,52 euros ao ano, polo que retorno da inversión producirase nun ano. A primeira fase estará composta por 200 colectores de papel e 200 de vidro.

O presidente do Consorcio, José Antonio Santiso, destaca que este innovador proxecto supón a entrada do Consorcio nunha tecnoloxía propia das chamadas cidades intelixentes. Apunta que este sistema tamén poderá mellorar a percepción cidadá da xestión de residuos local a través dun servizo de “maior calidade que atende as súas reclamacións en canto a cheos de contedores nun menor espazo de tempo”.

Funcionamento técnico

En cada colector obxecto deste sistema instalarase un sensor volumétrico que permite consultar o nivel de enchido do colector mediante ultrasonidos. Este sensor é autónomo, funciona con baterías, que duran anos dependendo da frecuencia de consulta, monitorizando o seu estado continuamente en cada envío de información. Eses datos envíanse mediante unha conexión sen fíos a un recolector de datos, colocado por exemplo nun farol da rúa, nos equipos de contedores soterrados, no vehículo de recollida ou noutro lugar tecnicamente axeitado. O recolector, cada certo período de tempo previamente definido, consulta aos sensores próximos, o nivel de enchido dos colectores. Os datos recollidos os reenvía a un equipo cun módulo de comunicacións como GPRS, Wifi ou Wimax. Unha vez enviados polo módulo anterior, os datos recíbense no servidor, onde se almacenan nunha base de datos para a súa posterior consulta, análise, recibir alarmas, informes ou enviar a nova ruta aos vehículos recolectores.

27 de marzo de 2013 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.