publicidade hoxe

O DOG publica a aprobación definitiva do primeiro PXOM de Rubiá, que marcará o desenvolvemento do concello nos próximos 20 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurensePortada dereitaRubiá
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de aprobación definitiva do PXOM de Rubiá, o primeiro co que contará este municipio ourensán e que substituirá ao Plan Básico Autonómico polo que se rexía ata o de agora. Para a elaboración do novo plan, cunha vixencia prevista de 20 anos, o equipo redactor tivo que estudar ao detalle os 100 km2 que abrangue o municipio, así como as 10 parroquias nas que se divide o seu territorio e nas se asentan os seus 1.393 habitantes.

Co anuncio publicado no DOG, ponse fin a case 12 anos de traballo e dáse un paso máis de cara á entrada en vigor do documento, pendente tan só agora de que o Concello publique a normativa e as ordenanzas do plan xeral no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e o inscriba a continuación no Rexistro do Planeamento Urbanístico de Galicia.

Como principal obxectivo da nova ordenación urbanística de Rubiá, cómpre subliñar a mellora da calidade de vida dos veciños, poñendo por unha banda en ordenación un importante número de edificacións xa existentes e pola outra, mantendo a morfoloxía actual do Concello, que concentra na capital a maioría dos servizos e da actividade.

De feito, no núcleo de Rubiá prevese completar a malla urbana de cara a garantir a súa mellor integración co medio rural. Tendo isto en conta, delimítanse no planeamento os núcleos rurais atendendo á súa tipoloxía histórica ou común, coa intención de recoller as vivendas existentes e rematar os espazos intersticiais entre elas. Tamén se reserva exclusivamente a vivenda colectiva ao núcleo urbano, quedando o modelo unifamiliar para os solos restantes.

Así mesmo, en materia de vivenda o documento urbanístico determina a capacidade máxima de uso residencial para as próximas dúas décadas, cunha previsión de crecemento de 599 vivendas novas.

En canto ao sistema xeral de espazos libres e zonas verdes, no PXOM prevese a ampliación da contorna do campo de fútbol, considerada como o principal lugar de esparexemento da poboación do municipio. Neste sentido, o novo planeamento reserva case 64.000 m2 a este tipo de dotacións (un 24,6% máis do mínimo esixido po lei) e preto de 35.000 m2 ao sistema xeral de equipamentos comunitarios (o que supón duplicar a superficie obrigatoria).

Un total de 110 concellos con plan adaptado

Coa aprobación deste novo documento son xa 110 os concellos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco urbanístico vixente. De todos estes plans, 80 foron aprobados polo actual Goberno galego e 21 só na pasada lexislatura, que rematou no mes de agosto coa constitución do novo Parlamento.

O traballo desenvolvido pola Xunta na última década en materia de urbanismo ten coma obxectivo final acadar que en Galicia non haxa ningún concello sen PXOM. Neste sentido, cómpre lembrar a aprobación da Lei do Solo en 2016 e do regulamento que a desenvolve; a posta en marcha do Plan Básico Autonómico en outubro de 2018 e dos futuros Plans Básicos Municipais para concellos de menos de 5.000 habitantes; ou a nova Lei de Ordenación do Territorio, que acabamos de remitir á Cámara galega para a súa tramitación.

Entre as competencias urbanísticas que ten atribuídas a Xunta, ademais, figura o fomento da redacción dos plans municipais co fin de que os concellos dispoñan de documentos de ordenación do territorio adaptados á lexislación en vigor e ás características particulares previstas para o seu desenvolvemento. Con este fin, convoca ordes para a concesión de axudas a entidades locais para a redacción dos seus plans urbanísticos.

No caso concreto do concello de Rubiá, a achega da Xunta para financiar o PXOM ascendeu a preto de 64.000 euros, unha contía da que tan só queda por abonar a fase correspondente ao trámite de aprobación definitiva.

26 de outubro de 2020 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.