publicidade hoxe

Feijóo salienta os avances na construción da Cidade da Xustiza de Vigo, “a obra xudicial máis importante da historia da comunidade”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+
O presidente galego na visita ás obras da Cidade da Xustiza de Vigo

O presidente galego na visita ás obras da Cidade da Xustiza de Vigo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe os avances na construción da Cidade da Xustiza de Vigo, “a obra xudicial máis importante da historia da Comunidade nestes 40 anos de Estatuto de Autonomía”, aseverou.

Tras a visita, Feijóo confirmou que as obras atópanse en avanzado estado de execución, co 75% delas finalizadas e co obxectivo de que os traballos conclúan no primeiro trimestre de 2021 e que ao longo do vindeiro ano se leve a cabo, tamén, o traslado de todas as infraestruturas xudiciais a esta nova sede.

Ao longo da súa intervención, aseverou que a rehabilitación do antigo hospital Xeral para acoller a futura Cidade da Xustiza é “un deses proxectos que transcende” e que deixan pegada nunha cidade. E recordou que esta infraestrutura, que conta cun investimento de máis de 40 millóns de euros e 44.000 metros cadrados, acollerá 37 unidades xudiciais -con espazo para outras 20, en caso de futuras ampliacións-; e a medio milleiro de profesionais da administración xudicial que contarán ademais cunha gardería con 40 prazas.

“En definitiva, duplicamos a superficie dos xulgados existentes en Vigo, pasando duns 20.000 m2 a 44.000 m2”, abundou.

Se a pasada crise de 2008 non foi un obstáculo para activar este “proxecto estrela” do Plan de mellora das infraestruturas xudiciais, dotado con 115 millóns de euros para a construción ou renovación das sedes xudiciais das principais cidades galegas, entre outras accións, o titular da Xunta recordou que, nesta ocasión, o Goberno galego reactivou toda a obra pública en canto o permitiu o estado de alarma.

Así, ademais da Cidade da Xustiza Feijóo resaltou que, “a pesar da pandemia e da crise económica”, están a executarse en Vigo 4 obras de forma simultánea: a estación intermodal de Urzáiz, as melloras no hospital Meixoeiro, o novo centro de saúde de Bouzas e o novo albergue de peregrinos de O Berbés. “E, unha vez que teñamos os informes definitivos e o solo axeitado poderemos iniciar tamén o compromiso da ampliación do Ifevi”, engadiu.

Se ben a reactivación da obra pública foi unha das respostas que a Xunta deu ao impacto da pandemia, o responsable do Executivo galego referiuse tamén ás actuacións levadas a cabo no plano xudicial, coa posta en marcha dun plan dotado cun millón de euros para axilizar a actividade nos órganos de xurisdición social, contencioso-administrativa e nos xulgados mercantís.

Nesta liña referiuse ao reforzo de quendas de case 100 efectivos nos xulgados do social e mercantís; á creación de xulgados bis en xurisdición social e mercantís e á previsión de dotar de persoal, mobiliario e equipos informáticos aos tres novos xulgados do social en Lugo, A Coruña e Vigo.

Feijóo concluíu agradecendo á administración de xustiza a súa profesionalidade e incidiu en que nin o poder executivo, nin o lexislativo poden condicionar a independencia xudicial. O titular da Xunta apelou á independencia do lexislativo, do xudicial e do executivo para ter o resgardo da igualdade efectiva de todos os cidadáns ante a lei.

14 de outubro de 2020 | 14:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.