publicidade hoxe

A Xunta contribúe á elaboración da Guía Xurídica da FAO sobre concentracións parcelarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta contribuíu á elaboración da Guía Xurídica sobre Concentración Parcelaria elaborada pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), aportando a súa experiencia de máis de 500.000 hectáreas concentradas ou en trámite de remate. O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, vén de participar nun novo encontro de traballo por videoconferencia, no que se volveron poñer de relevo as boas prácticas ao respecto de diferentes países do mundo.

O primeiro borrador desta Guía presentouse hai dous anos en Skopje, na capital de Macedonia do Norte, no marco dunha xuntanza do Landnet. Trátase dun grupo de profesionais europeos e asiáticos recoñecidos pola súa experiencia no uso e a tenencia da terra no que Galicia está presente como membro nato. Nesa reunión, na que participaron máis de 140 representantes de máis de 30 países e rexións, o director xeral de Desenvolvemento Rural presentou as iniciativas da Xunta para a recuperación e posta en valor de terras abandonadas, levadas a cabo en concellos como o ourensán de Cualedro.

O pasado mes de xuño, Pérez Dubois xa participara no Webinar Landnet, o seminario web que substituíu as dúas sesións de traballo sobre boas prácticas nas concentracións parcelarias que inicialmente estaban previstas no marco da FIG 2020 que ía celebrarse en Ámsterdam. Nese seminario telemático, a FAO aproveitou para presentar esta nova Guía Xurídica sobre Concentración Parcelaria, preparada en base aos resultados dun estudo de boas prácticas para a lexislación que rexe este tipo de procesos en Europa. Para continuar nesta liña e facer que o proceso sexa accesible a todos os países, esta guía entrelaza a orientación lexislativa e a técnica. Así, será útil para todas as partes interesadas, dende os lexisladores e os profesionais das reestruturacións parcelarias tanto en entidades públicas como privadas, ás persoas directamente implicadas nas concentracións.

25 de xullo de 2020 | 20:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.