publicidade hoxe

As mellores mensaxes de Lingua de Namorar 2020 xa teñen premio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

As mellores mensaxes do certame de declaracións de amor en galego na rede, Lingua de Namorar, promovido pola Xunta de Galicia co obxectivo de dinamizar o uso do galego entre a mocidade nas súas relacións persoais e en internet, xa teñen premio.

O xurado da nova edición, reunido por videoconferencia, ditaminou os galardóns, que recaeron na primeira categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos) nos traballos Retórica (1º premio, co que Nee Barros, de Marín, Pontevedra acumula xa catro distincións consecutivas neste concurso desde 2017), Primavera (2º premio, para Ana Loureiro, de Caldas de Reis, Pontevedra) e Ao altar (3º premio, para María Femenías, de Foz, Lugo).

Na categoría B (de 20 a 35 anos), recaeron en Ataraxia (1º premio, para Leticia Cid, de San Cibrao das Viñas, Ourense), Un vinilo dos Dire Straits (2 premio, para Denís Vicente, da Guarda, Pontevedra) e Fuxitivas (3º premio, para Silvia Pérez, tamén da Guarda, Pontevedra).

Participaron no xurado –presidido pola escritora Rosalía Morlán– Hugo Lozano e Nerea Pallares, gañadores dos 1º premios Xuventude Crea 2019 nas modalidades de Poesía e Relato Breve, respectivamente; Alicia Padín, en representación da Rede de Dinamización Lingüística; Nancy Domínguez, en representación da Rede Galega de Información Xuvenil; Ángela Fernández, en representación da Consellería de Política Social, e Beatriz Corral, en representación da Consellería de Cultura e Turismo.

Premios e mensaxes musicadas nos webs

A entrega de premios prevista nas bases terá lugar cando as circunstancias motivadas pola evolución epidemiolóxica do COVID-19 a permitan celebrar en condicións de seguridade.

Tanto as mensaxes gañadoras coma as outras 213 que concorreron aos premios, e que votaron 566 internautas, están dispoñibles no web www.xuventude.xunta.gal e no Portal da Lingua Galega. Nos devanditos webs tamén están dispoñibles seis vídeos nos que Xermán Bugallo, gañador do certame Xuventude Crea 2019 na modalidade de Música, lles pon voz e melodía aos seis traballos gañadores de Lingua de Namorar 2020.

5 de maio de 2020 | 11:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.