publicidade hoxe

A Xunta e as principais operadoras do sector colaboran na posta en marcha de sistemas para a detección e control da evolución da covid-19 nas augas residuais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego durante a reunión

O presidente galego durante a reunión

A Xunta e as principais operadoras do sector da auga en Galicia colaboran na posta en marcha de sistemas para a detección e control da evolución da covid-19 nas augas residuais.

Este foi un dos asuntos abordados na reunión que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo esta mañá, por videoconferencia, cos representantes das entidades que prestan os servizos de auga en Galicia, na que tamén participou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

Por unha banda, a través de Augas de Galicia, e en colaboración con cinco empresas do sector e coas universidades de Vigo e de Santiago de Compostela, respectivamente, a Xunta está a traballar en dous proxectos de investigación en oito depuradoras, que poderán ser ampliables a máis, coa toma de mostras que permiten a detección e control da evolución da pandemia a través das augas residuais.

Un deses proxectos de investigación no que participa Augas de Galicia, a Universidade de Santiago e o hospital Álvaro Cunqueiro ten por obxecto estudar o impacto da covid-19 nas augas residuais e no medio receptor. Para iso tomaranse mostras en distintos puntos da rede dos sistemas de depuración de Vigo, Ourense, Sanxenxo, Ribeira e Viveiro, contando coa colaboración das empresas concesionarias. A análise desas mostras permitirá seguir a evolución epidemiolóxica e actuar como sistema de alerta temperá fronte ao virus.

O segundo dos programas de detección e modelización levarase a cabo entre Augas de Galicia, as empresas que prestan o servizo, a Universidade de Vigo e o CSIC en tres estacións depuradoras que son xestionadas directamente pola Xunta: as depuradoras de Baiona, Nigrán e Cambados. Neste caso, a toma de mostras centraranse, principalmente, no punto de vertido ao dominio público hidráulico.

A estes estudos hai que sumar un terceiro que se está a levar a cabo na depuradora da Coruña, na EDAR de Bens, no que colabora a Xunta a través do Complexo Hospitalario da Coruña e a Universidade herculina.

Estes estudos serán unha ferramenta moi valiosa e útil para facer seguimento da evolución da covid-19 e tamén para a detección temperá de posibles rebrotes.

Na xuntanza coas operadoras dos servizos da auga en Galicia, o titular do Goberno galego puxo en valor o labor dos profesionais da auga, especialmente, durante a emerxencia sanitaria pola covid-19.

Núñez Feijóo destacou a anticipación, a previsión e a planificación das empresas do sector para dotarse desde o primeiro momento de plans de continxencia que permitiron asegurar o seu funcionamento nestas circunstancias excepcionais. O sector adquiriu equipos de protección individual, acumulou remanentes de subministros e mesmo organizou quendas de traballadores especializados. Isto fixo posible que os profesionais e as infraestruturas hidráulicas seguisen traballando para garantir a calidade das augas mentres a poboación galega ficaba confinada na casa.

O presidente da Xunta lembrou que a auga é un ben básico para a vida e para a saúde e que a situación actual fixo valorar aínda máis a súa esencialidade. Así o entendeu desde o primeiro momento da pandemia o Goberno galego, quen defendeu ante o Executivo español a importancia de que os servizos da auga fosen declarados esenciais, algo que quedou recoñecido no Boletín Oficial do Estado do pasado 24 de marzo.

26 de maio de 2020 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.