publicidade hoxe

Hacienda confirma que Galicia é unha das comunidades autónomas que cumpriu en 2019 o límite de déficit

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Ministerio de Hacienda vén de confirmar esta tarde que Galicia é unha das comunidades autónomas que cumpriu en 2019 o obxectivo de déficit público. O límite para todas as comunidades autónomas era do 0,1% para o conxunto do exercicio, tal como fixara o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF).

En concreto, Galicia pechou o exercicio 2019 cun déficit de 79 millóns de euros, o que representa o 0,12% do PIB, polo que se sitúa entre as comunidades autónomas cumpridoras na mesma liña dos exercicios anteriores.

Segundo o Ministerio de Hacienda, só catro comunidades autónomas de réxime común (Galicia, Madrid, Andalucía e Canarias, esta última cun financiamento diferente ao resto de comunidades) foron capaces de cumprir o obxectivo fixado para 2019. A estas catro comunidades súmanse as dúas de réxime foral.

Pola contra, o subsector das comunidades autónomas rexistrou un déficit de 4.267 millóns de euros, o que supón o 0,34% do PIB. Loxicamente, á hora de determinar o cumprimento do obxectivo de estabilidade xa non se ten en conta o efecto negativo que tivo nas finanzas autonómicas o impago do IVE de 2017 por parte do Goberno central, que no caso de Galicia representa máis de 200 millóns de euros.

Os datos publicados hoxe polo Ministerio de Hacienda consolidan a Galicia como unha comunidade autónoma de referencia no cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria, achegando solvencia e credibilidade ao conxunto de España.

1 de abril de 2020 | 11:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.