publicidade hoxe

A estación de autobuses intermodal de Santiago está executada ao 40% e a mediados de 2020 estará rematada

Ethel Vázquez na visita ás obras da estación intermodal

Ethel Vázquez na visita ás obras da estación intermodal

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que a nova estación de autobuses integrada na intermodal está executada ao 40%, e a pasarela peonil que a unirá á terminal ferroviaria e conectará a rúa do Hórreo e Clara Campoamor estará rematada a mediados do 2020.

Vázquez Mourelle quixo explicar hoxe sobre o terreo os progresos nestas actuacións froito do traballo conxunto e coordinado entre Xunta, Concello e Adif, cun importe global de 16 millóns de euros, e ás que a Xunta destina un investimento de 12 millóns de euros, o 100% da estación de autobuses e o 30% do custo da pasarela peonil.

Indicou que os traballos do departamento que dirixe para materializar a intermodal de Santiago están a pleno rendemento e puxo o acento no intenso traballo da Xunta, co que se está a preparar Santiago “para acontecementos únicos como son o Xacobeo 2021 e tamén para ese fito histórico que suporá a chegada do AVE a Galicia”.

Unha infraestrutura que, tal e como sinalou, suporá un antes e un despois nos desprazamentos dos santiagueses, ao proporcionar un intercambio áxil e seguro entre o autobús e o tren, facilitando a mobilidade de veciños e usuarios.

Destacou como a nova estación está concibida tamén como unha peza fundamental no desenvolvemento urbano de Santiago, unha actuación para facer cidade, que axudará á vertebración dos barrios do Ensanche e Pontepedriña. Tamén o edificio da terminal de autobuses foi deseñado como un miradoiro que abre a cidade cara ao Sar: un balcón sobre o Sar, subliñou.

A conselleira detallou a evolución nos traballos de construción da nova estación de autobuses intermodal desde o seu inicio en xullo de 2018, coa demolición das naves de Koipe, a escavación e a execución de muros de contención, e o remate do movemento de terras e a cimentación.

A titular de Infraestruturas da Xunta amosou os traballos que se están a executar agora na base do firme das 36 dársenas coas que contará a estación de autobuses, e que cualificou como unha parte importante da obra, xa que soportará moitísimo tráfico.

Concretou que neste momento xa se vai debuxando e perfilando a estrutura da nova terminal de autobuses, da que se pode ver xa 2 andares que albergarán todos os servizos e equipamentos: taquilla e consignas, atención ao usuario, cafetería, aseos. E indicou que nestes momentos estase colocando a estrutura metálica do primeiro andar e da cuberta, e adiantou que en breve iniciaranse os cerramentos e a colocación do teito.

Ethel Vázquez deu conta de que tamén está rematada a estrutura do tanque de tormentas, que recollerá as augas da chuvia da parcela, e subliñou a importancia desta obra en si mesma, xa que garante un vertido axeitado das augas pluviais ao río Sar.

Salientou que ese intenso ritmo das obras, nas que están a traballar 25 operarios e 10 máquinas, teñen como obxectivo que a estación de autobuses intermodal estea rematada nos primeiros meses de 2020, centrando nun único punto o bus, o tren, o taxi e a liña lanzadeira ao aeroporto.

Referiuse así mesmo aos traballos que está a executar a Xunta, desde o seu inicio a finais de maio, para a construción da pasarela peonil cuberta que unirá esta terminal coa de ferrocarril e conectará a rúa do Hórreo e Clara Campoamor.

Dixo que xa hai avances nesta infraestrutura, e adiantou que a pasarela sobre os andéns prevé iniciarse a mediados de mes, coas autorizacións do ADIF para compatibilizar as actuacións co tráfico ferroviario. Os traballos sobre as vías faranse de noite para interferir o menos posible na actividade dos trens.

2 de setembro de 2019 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.