publicidade hoxe

O custo laboral en Galicia acadou en 2018 o máximo nivel de converxencia con España de toda a serie histórica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O custo laboral bruto en Galicia no ano 2018 representou o 90,04% da media española, o que supón o máximo nivel de converxencia de toda a serie histórica, segundo mostran os datos do Estudo sobre Salarios publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

As cifras do organismo estatístico da Comunidade Autónoma indican que, por primeira vez na historia, este indicador de converxencia superou en Galicia a barreira do 90% da media española. Ata agora, o nivel máximo de converxencia en custos laborais en Galicia co conxunto de España acadárase no ano 2017 (89,66%), pero nunca se conseguira superar o límite do 90%.

O custo laboral bruto por traballador en Galicia aumentou en 2018 ata os 27.989,5 euros, o que tamén representa a cifra máis alta de toda a serie histórica. Ata agora, o ano co maior custo laboral bruto rexistrado en Galicia fora o 2011, cando este indicador –que inclúe o custo laboral neto e tamén as subvencións e deducións– chegara ata os 27.713 euros.

Ademais, como xa avanzou o Instituto Nacional de Estatística (INE) a pasada semana, Galicia foi unha das comunidades autónomas onde máis medrou o custo laboral bruto en 2018. En concreto, este indicador medrou en Galicia un 1,5%, o sétimo maior incremento de todas as comunidades e por riba do crecemento da media española (+1,1%). Pola contra, o custo laboral bruto reduciuse en catro comunidades autónomas o pasado ano.

30 de xullo de 2019 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.