publicidade hoxe

O conselleiro do Medio Rural e o alcalde da Veiga estudan posibles proxectos de colaboración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA VeigaLocal PortadaOurensePortada dereita
A-
A+
Reunión do conselleiro de Medio Rural co alcalde da Veiga

Reunión do conselleiro de Medio Rural co alcalde da Veiga

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse co alcalde da Veiga, Juan Anta, para analizar posibles proxectos de mobilización de terras co fin de xerar actividade económica rendible neste municipio ourensán. Ambos entenden que o futuro do rural pasa obrigatoriamente pola colaboración entre administracións.

Na xuntanza de traballo tamén estiveron presentes os directores xerais de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto; de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros e de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, co fin de analizar as demandas e necesidades deste concello ourensán no que atinxe ás infraestruturas rurais e á actividade agrogandeira da zona.

Neste senso, o rexedor municipal solicitoulle á consellería poder formar parte do Plan de pastos en extensivo que promove o departamento que dirixe José González, co fin de fomentar a ordenación e posta en valor deste aproveitamento á vez que se mellora a loita contra os incendios forestais. Tanto o alcalde como o propio conselleiro entenden que o labor dos gandeiros é esencial para o futuro do rural galego, dado que son dinamizadores da economía rural e xogan un papel elemental para a prevención de incendios e para o coidado da natureza. Neste senso, o conselleiro trasladou o esforzo para executar o Plan de pastos que realizará a Xunta. Así mesmo, o conselleiro indicoulle que o municipio da Veiga será un dos concellos seleccionados para ser incluído neste Plan de pastos, que ademais permitirá dotar ás explotacións da contorna de máis base territorial e favorecer así a actividade agrogandeira de forma rendible desde o punto de vista económico.

O titular de Medio Rural reiterou que este plan contempla a análise da situación dos pastos, da estrutura e distribución do gando no monte e das necesidades en canto a terreos e infraestruturas como peches, etc., co fin de levar a cabo unha regularización da actividade buscando harmonizar os intereses de todos os implicados, fundamentalmente gandeiros e titulares dos terreos. Este plan de pastos iniciarase este ano e continuará cun importante esforzo orzamentario nos próximos anos.

Durante a xuntanza de traballo, o alcalde tamén trasladou a súa intención de recuperar o cultivo da “Faba Loba de Trevinca” e continuar co proxecto “Mel montañas de Trevinca”, iniciativas que permiten loitar contra o abandono de terras e á vez diversificar as oportunidades de negocio na zona. Neste senso, o conselleiro agradeceulle ao rexedor municipal a súa aposta pola dinamización territorial, buscando alternativas que favorezan a xeración de emprego e de riqueza no rural.

Aldeas modelo

Noutra orde de cousas, o titular de Medio Rural tomou nota do interese do alcalde polo proxecto de “aldeas modelo” que está a desenvolver a Consellería e que ten como principal obxectivo defender as persoas e os bens da ameaza dos incendios forestais, mediante diversas actuacións dirixidas á posta en marcha de actividade agrogandeira na franxa dos 50 metros próxima ás vivendas.

Así, José González destacou a importancia de manter limpas as chamadas franxas secundarias e a posibilidade de poñer a producir estes terreos. Así, unha vez limpas, a idea é poñer en valor ese terreo creando actividade agrogandeira nelas, mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras, etc. Estes espazos funcionarán como devasa natural fronte o lume, xa que desenvolvendo actividade económica nestas áreas non será preciso rozar todos os anos.

O conselleiro e o alcalde comprometéronse a traballar xuntos sumando esforzos para que todos estes proxectos se leven a cabo coa máxima colaboración institucional entre a Xunta e o municipio.

24 de xullo de 2019 | 14:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.