publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cultura inviste 70.000 euros na restauración do retablo maior da igrexa do convento da Mercé, en Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaVerín
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, supervisou esta mañá a obra de restauración do retablo maior da igrexa do convento da Mercé, en Verín, que a Consellería de Cultura e Turismo ven de comezar a executar. Esta intervención da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que conta cun investimento de 67.375 euros, realízase co fin de garantir a protección e conservación deste ben, que constitúe un conxunto de referencia do patrimonio histórico-eclesiástico de Verín.

O retablo presentaba un estado de conservación preocupante en certas zonas, principalmente polo repinte xeneralizado da obra que oculta o ataque de xilófagos. Ante esta situación, o pasado mes de outubro a Consellería de Cultura asinou un convenio coa Comunidade Mercedaria de Verín para a posta a disposición dos inmobles necesarios para a restauración do retablo maior da igrexa do convento dos Padres Mercedarios.

Na visita Díaz Mouteira estivo acompañada pola xefa territorial de Cultura e Turismo, Sandra Quintas Vázquez; e polo superior da Orde da Mercé, padre Orencio. A representante da empresa adxudicataria desta actuación explicou que a actuación ten un prazo de execución de sete meses. Os traballos que se van acometer teñen por obxectivo realizar estudos históricos e artísticos; estudos lumínicos e/ou radiográficos, así como análises de policromías; análise física-químicos; probas de solubilidade; protección e asentado de estratos polícromos, limpeza superficial e tratamentos antixilófagos; consolidación do soporte de madeira, carpintería de restauración e reintegracións volumétricas; limpeza da policromía; e reintegración do estrato de preparación e policromías do conxunto, vernizado e aplicación de protección final.

A representante do executivo galego subliñou o compromiso da Xunta co Galicia coa preservación do noso rico patrimonio cultural, do que forma parte este retablo que acolle o convento de Nosa Señora da Mercé, construído a raíz do traslado do edificio que os mercedarios tiñan na vila de Monterrei baixo a advocación de Santa María Magdalena. O interior do templo, de nave única, conta cun significativo patrimonio escultural. Destacan o coro e cinco retablos, catro deles laterais e o quinto situado no presbiterio. O retablo maior amosa o momento máis boiante, polo menos desde un punto de vista cultural, polo que pasou o convento a mediados do século XVIII.

4 de xullo de 2019 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.