publicidade hoxe

Comeza a participación pública da tramitación do regulamento da Lei da Paisaxe para protexer e poñer en valor o patrimonio paisaxístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Anuncio polo que se inicia o proceso de participación pública do futuro Regulamento da Lei de Paisaxe, despois de que o Consello da Xunta de Galicia autorizara o inicio da súa tramitación.

Cómpre lembrar que a Lei 7/2008, de Protección da Paisaxe de Galicia, recolle o desenvolvemento dun regulamento que ten por obxectivo regular a protección e a ordenación da paisaxe na Comunidade Autónoma de Galicia

Así, o documento que inicia a súa tramitación cara á súa aprobación definitiva, aplicarase non só no territorio de Galicia senón tamén na zona marítimo-terrestre a nas augas interiores, para descartar que as intervencións poidan ter algunha incidencia sobre as características e os valores propios das paisaxes mariñas e das rías, atendendo á percepción destas desde as zonas terrestres.

Grazas a este regulamento contarase cunha ferramenta que permite concretar conceptos básicos, criterios e metodoloxías relativas á paisaxe, abordados cun sentido pedagóxico, necesario para que a normativa dunha materia aínda pouco coñecida resulte eficaz.

O regulamento, que consta de 50 artigos organizados en seis capítulos, unha disposición adicional, tres disposicións transitorias, unha disposición derradeira e un anexo con definicións, determina cales son os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe: os catálogos da paisaxe, as directrices da paisaxe e os plans de acción da paisaxe en áreas protexidas, é dicir daqueles espazos protexidos segundo dispoña na normativa vixente en materia de patrimonio natural.

Co fin de identificar e paliar os posibles impactos dos proxectos, así como determinar as medidas que sexan necesarias para a súa integración, o promotor realizará previamente ante o Instituto de Estudos do Territorio unha consulta paisaxística nos procedementos de avaliación de impacto ambiental ordinaria; mentres que no caso das tramitacións simplificadas será o órgano ambiental o que formule a consulta perante o IET. No informe que se emita indicaranse as medidas necesarias para mellorar a integración paisaxística ou un estudo de impacto de integración paisaxística (EIIP), cando estes sexan de especial intensidade ou afecten áreas de especial protección paisaxística, delimitadas no catálogo das paisaxes.

Nese caso, estableceranse medidas preventivas e correctoras, co fin de acadar a integración paisaxística do proxecto, como, por exemplo, a recuperación topográfica de escavacións e a naturalización de noiros; a naturalización de canles abertas de derivación de cursos de auga; a reposición da vexetación afectada e a restauración das cobertoiros de solo; a integración, conservación, restauración ou traslado, segundo o caso, de elementos naturais ou culturais de valor paisaxístico; así como a ocultación de construcións ou instalacións e a redución de efectos acústicos ou olfactivos.

Instrumentos de ordenación nas políticas territoriais

Co fin de integrar totalmente a concepción da paisaxe nos diferentes instrumentos de ordenación territorial e urbanística, e en desenvolvemento da Lei do solo de Galicia, regúlase que os ditos instrumentos realizarán un estudo de paisaxe no ámbito a que se refiran e, no caso dos instrumentos de planeamento urbanístico, tamén deberán incorporar un estudo da paisaxe urbana.

Con esta medida, preténdese que os instrumentos de planeamento sexan congruentes co carácter urbano propio de cada núcleo, zona ou barrio que permitan preservar os valores paisaxísticos e contribuír á mellora da calidade dos espazos públicos. Así, os instrumentos de ordenación e urbanísticos deberán ter en conta as conclusións dos estudos da paisaxe, delimitando zonas de especial interese paisaxístico, medidas de protección e medidas para preservar as vistas de interese desde os miradoiros e sendas panorámicas -por exemplo-, e medidas para evitar os impactos paisaxísticos existentes.

Usos e actividades en solo rústico

O Regulamento -na liña do que desenvolve a Lei do solo- tamén prevé a emisión dun informe preceptivo do IET para os usos e as actividades en solo rústico de especial protección paisaxística, agás para as obras menores en que a normativa sectorial non o exixa expresamente; e para os considerados compatibles do POL -tal e como regula a Lei do solo, salvo para reformas, ampliacións ou cambios de uso de edificacións existentes.

No caso de que se estime unha incidencia de impactos negativos sobre a paisaxe, neste informe sinalaranse as medidas ou solucións de deseño que poidan reconducir e mellorar a integración paisaxística; e , nos casos en que se aprecie un impacto de especial intensidade, ábrese a posibilidade de exixir a elaboración dun estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP), que terá carácter vinculante cando vulnere normativas de carácter vinculante; e que poderán considerar inviable unha determinada actuación se non se aprecian alternativas de localización ou deseño que garantan unha adecuación. En relación con outros aspectos, poderá optarse por solucións diferentes ás sinaladas nos informes, sempre que se xustifique a súa congruencia coa lexislación de protección da paisaxe.

Outros instrumentos

Tendo en conta que a paisaxe é un elemento fundamental da calidade de vida das persoas, tamén debe ser o fiel reflexo dun territorio e dun ambiente de calidade, dunha sociedade moderna e consciente da importancia do seu patrimonio natural e cultural.

Nese sentido, promóvese a integración da paisaxe nas políticas territoriais e sectoriais, de modo que todo plan, programa ou proxecto derivado das políticas públicas de ordenación territorial e urbanística, ambiental, do patrimonio cultural, agrícola, forestal, social, turística, industrial ou económica…. deberá tomar en consideración -na súa elaboración e execución- os valores paisaxísticos e o carácter diferenciado das grandes áreas paisaxísticas de Galicia e dos diferentes tipos de paisaxes, identificados e analizados nos catálogos da paisaxe, co fin de evitar que se produza un impacto directo ou indirecto sobre ela.

Asemade, para coñecer o estado e o avance das paisaxes de Galicia o regulamento tamén recolle a elaboración de estudos para o seguimento do estado das paisaxes, co obxectivo de reunir datos obxectivos que se precisen para o deseño das políticas públicas; así como a redacción dun informe elaborado polo IET cada catro anos e que será enviado ao Parlamento de Galicia, para avaliar o estado de conservación, transformación e evolución das paisaxes de Galicia.

16 de xullo de 2019 | 14:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.