publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta convida a celebrar o Día da Música con Os Resentidos nun concerto na praza central do Gaiás

A Xunta de Galicia convida a festexar mañá o Día da Música coa mítica banda de Os Resentidos, que actuará mañá na Praza Central da Cidade da Cultura, nunha actuación de balde e ao aire libre. Este concerto abre a programación deste ano de Verán no Gaiás, que conta cun cento de actividades nas que se conxuga música, obradoiros, arte, exposicións, espectáculos familiares, andainas, astronomía, acampadas e ata campamentos para a cativada no Museo Centro Gaiás.

Os Resentidos teñen no seu haber un currículo de máis 30 anos de carreira musical que lles deron para publicar sete LPs, un traballo compartido con Siniestro Total, un recompilatorio e conseguir o fito de situar como gran hit en España un tema en galego, Fai un sol de carallo, nunha época (1986) na que eran poucos os grupos en Galicia que trascendían cantando en galego.

Por este motivo, esta formación –enxerida na coñecida como a movida viguesa–converteuse nun referente para as novas xeracións de músicos do país e un dos grupos máis célebres fóra de Galicia, ata o punto de que Fai un sol de carallo foi un dos dous únicos discos en galego –xunto a Me llamo Andrés do Barro Lapique, de Andrés do Barro– incluídos no libro 201 discos para engancharse al pop/rock español, de Tito Lesende e Fernando Neira.

Críticos, inconformistas e irreverentes, as letras da formación viguesa recollen a realidade do seu tempo tocando temas como a reconversión naval, o paro ou a crise dos sectores produtivos primarios de Galicia.

Os Resentidos envolven toda esta indignación nunha peculiar fusión de rock, funk depresivo, rap, pop e folk cunha retranca intelixente, na que sempre hai convite para a festa. Precisamente, nos últimos oitenta a súa popularidade era tan grande e tan heteroxénea que alternaban as actuacións como gran atracción nas festas patronais das vilas galegas con presentacións nos máis selectos estudios televisivos de Madrid. Hoxe en día moitos dos seus temas forman parte da listaxe de imprescindibles nas orquestras e nas verbenas actuais.

Todas estas cancións, xunto a unha selección de novas composicións, vanse poder cantar e bailar mañá venres, ao aire libre, na Praza Central do Gaiás, con entrada de balde. A banda subirase ao escenario ás 21 horas, capitaneada polo seu histórico líder, Antón Reixa.

20 de xuño de 2019 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.