publicidade hoxe

O arquivo de fotografías aéreas de Galicia sumará novas imaxes de alta resolución de case 140 km cadrados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Arquivo de fotografías aéreas de Galicia sumará este ano novas imaxes de alta resolución (TrueOrtho) dunha superficie de case 140 quilómetros cadrados. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o presidente da Federación galega de municipios e provincias (FEGAMP), Alfredo L. García Rodríguez; o alcalde de Ames, José Manuel Miñones Conde; de Teo, Rafael Carlos Sisto Edreira; de Fene, Gumersindo Galego Feal; e a alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela, asinaron un convenio de colaboración para a obtención de imaxes aéreas de alta resolución xeorreferenciadas, por un importe de máis de 160.000 euros. A este importe hai que engadir as tarefas de control de calidade das imaxes, que fará o Instituto de Estudo do Territorio (IET) con persoal propio e que se eleva a 30.000 euros.

Os traballos nestes catro municipios, que suman máis de 72.000 habitantes, enmárcase dentro do proxecto PNOA10_Galicia, un plan creado en 2018 polo IET para dar unha maior resolución no ámbito autonómico que o Plan Nacional de Observación do Territorio.

Con estes traballos obteranse diferentes perspectivas sobre unha mesma zona do terreo, permitindo observar con claridade, medir e representar todos os obxectos na contorna das edificacións, é dicir, mellorar a capacidade de identificar e representar as construcións, o mobiliario urbano ou os elementos da contorna.

O resultado desta colaboración serán fotografías aéreas corrixidas xeometricamente, na que cada punto que se ve na imaxe está situado na súa posición espacial correcta. Así, as fachadas e as cubertas dos edificios non aparecen desprazadas con respecto á súa planta, eliminando oclusións ou ocultacións que dificulten a visión.

Tamén se obtén unha nube de puntos que cubre a totalidade da área de traballo, coa que se definen ata 16 puntos por metro cadrados e conséguense máis de 2.200 millóns de coordenadas tridimensionais coñecidas, cunha precisión de 10 centímetros. A conselleira detallou que a aplicación práctica deste material actualizada, fiable e de detalle ofrece múltiples vantaxes como a redución das a redución das medicións a realizar sobre o terreo, a posibilidade de realizar anteproxectos de obras a partir da imaxe da nube de puntos, axuda para a elaboración do inventario municipal (sumidoiros, farois, bancos, semáforos….etc), o control de construcións irregulares, a planificación urbanística, contar con bancos de imaxes de gran resolución para a elaboración de información turística; así como axudar á comprensión e interpretación da cartografía catastral.

Ángeles Vázquez recordou que esta non é a primeira experiencia que se leva a cabo en Galicia, pois xa en 2018 se obtiveron imaxes de Cambre, Carballo, Oleiros, Lugo, Sanxenxo e Pontevedra. Un traballo no que se acadaron excelentes resultados e do que se obtiveron 3.129 fotografías de alta resolución. Destacou que foi o primeiro proxecto destas características realizado en España e que permitiu obter material moi pouco desenvolvido a nivel estatal, o TrueOrtho, xerándose case 350 ortofografías verdadeiras de 10 centímetros de resolución.

Nese sentido, trasladou ao presidente da Fegamp a necesidade de invitar aos concellos galegos a que se sumen en próximos exercicios a este proxecto, xa que é unha ferramenta importante para a planificación espacial das políticas relacionadas con diversos eidos, como o medio ambiente, o deseño de infraestruturas ou mesmo da vivenda, coa que se consegue información actualizada, fiable e ao detalle do territorio.

9 de maio de 2019 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.