publicidade hoxe

Cultura e Turismo destaca a contribución das adegas galegas para impulsar o enoturismo con creatividade e innovación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, participaron hoxe en Santiago de Compostela á rolda de prensa de presentación da XIV edición da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda-Concurso Francisco Mantecón onde se deron a coñecer as bases da nova edición deste certame que ano a ano reúne á elite do deseño internacional.

Durante o acto, Nava Castro puxo en valor o importante papel que as adegas galegas –entre as que se atopan os promotores do concurso– están a ter para impulsar o enoturismo en Galicia. Subliñou o crecente interese dos viaxeiros que visitan Galicia nas actividades relacionadas coa cultura vitivinícola galega e celebrou a aposta de Terras Gauda ao comprometerse con bienais como esta fomentando a arte e a creación contemporánea.

Salientou, ademais, o “excelente labor” das cinco denominacións de orixe vitivinícola Ribeira Sacra, O Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Rías Baixas, que se posicionan entre as preferidas de toda España. Así o reflicte o Informe Anual sobre as Visitas a Adegas e Museos do Viño asociados ás Rutas do Viño de España, da Asociación Española de Cidades do Viño (ACEVIN) que revela, por exemplo, que a Ruta das Rías Baixas –na que se integra Terras Gauda– despunta superando as 100.000 visitas anuais.

Premio á imaxe das Xornadas de Portas Abertas

Precisamente, para combinar o labor das Rutas dos Viños coa arte, a Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda-Concurso Francisco Mantecón, en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, organizan este ano un concurso restrinxido e vinculante para os artistas premiados e finalistas seleccionados que optarán a ser a imaxe das edicións novena e décima das Xornadas de Portas Abertas das Rutas Dos Viños de Galicia, cun premio de 5.000 euros cada un.

Estas xornadas de portas abertas desenvólvense desde a Xunta en colaboración coas asociacións das rutas dos viños galegas. Este ano se celebran entre o 7 e 16 de xuño e reúnen a numerosos interesados no mundo do viño que gozan de visitas e todo tipo de actividades lúdicas vinculadas á viticultura. As bases do concurso para ilustrar as dúas vindeiras edicións están dispoñibles na web de Turismo de Galicia.

13 de maio de 2019 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.