publicidade hoxe

A Xunta activa esta madrugada a alerta laranxa por temporal en todo o litoral galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar para esta madrugada unha alerta laranxa costeira que afectará ao longo deste xoves a todo o litoral de Galicia.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico de nivel laranxa que afectará ao litoral de Galicia, con ondas do oeste e noroeste de 5 a 6 metros. Prevese o comezo arredor do mediodía do 25 no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra e se estenda a última hora da tarde ao litoral da provincia de Lugo.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Debido ao temporal costeiro, recoméndase evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Permanecer lonxe da costa, praias, rompentes, paseos marítimos, espigóns, peiraos ou todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar.

Tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

24 de abril de 2019 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.