publicidade hoxe

O DOG publica a aprobación do cambio de titularidade dun treito antigo da estrada provincial de Ponte do Verdugo A Barcia a prol do concello da Lama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LamaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación da transferencia a prol do Concello da Lama dun treito antigo da estrada provincial de Ponte do Verdugo a Barcia.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta publicación: https://goo.gl/YwzuMC

O Concello da Lama solicitou á Deputación Provincial de Pontevedra o cambio de titularidade do citado treito antigo da estrada EP-0306, Ponte do Verdugo-Cambeses- Barcia (PO-240 a 0+070 sobre o río Verdugo), dunha lonxitude total de 111 metros.

A solicitude baséase no interese turístico para o municipio da ponte peonil e o aparcadoiro que se atopa na contorna da praia fluvial do río Verdugo, e a necesidade da súa regulación. Deste xeito solicitou á deputación provincial o cambio de titularidade da ponte sobre o río e a explanada adxacente e o espazo de dominio público sobrante, unha vez realizadas polo organismo provincial as obras de acondicionamento nesta contorna.

O organismo provincial de Pontevedra considerou axeitado a transferencia a prol do Concello da Lama, polo que emite informe favorable e solicita o cambio de titularidade do citado tramo provincial á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

A transferencia a prol do concello pontevedrés da Lama deste treito provincial tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que deberá ser aprobado por decreto da Xunta, por proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas e logo do acordo entre as Administracións implicadas.

Co cambio de titularidade, o Concello da Lama terá a competencia para actuar en ambas as vías e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.
O decreto producirá efectos desde o día seguinte ano da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

20 de marzo de 2019 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.