publicidade hoxe

O Plan de aproveitamento da anguía na desembocadura do Ulla fixa un tope de captura de 5.176 quilos para a tempada de 2019

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se aproba o Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Ulla para o ano 2019, que marca o período de pesca desta especie.

A renovación establece que o período de pesca esténdese desde o 4 de febreiro ao 31 de outubro e poderá practicarse nas seguintes zonas da desembocadura do río Ulla:

– Zona A (ou alta): tramo do río comprendido entre a ponte de Catoira, como límite superior e a liña recta imaxinaria que une Punta Palleiro con Punta Grandoiro.
– Zona B (ou media): tramo de río Ulla comprendido entre a liña recta imaxinaria que une Punta Palleiro con Punta Grandoiro, como límite superior e, como límite inferior, a liña imaxinaria que une Praia Longa con Punta Seveira.
– Zona C (ou baixa): tramo do río Ulla comprendido entre a liña imaxinaria que une Praia Longa con Punta Seveira, como límite superior e, como límite inferior, a liña imaxinaria que une Punta Seveira con Punta Rebordexo e a súa continuación, bordeando a illa de Cortegada, ata o faro do dique de Carril, excluída a illa de Cortegada, como límite inferior.

A zona denominada O Cebal permanecerá vedada para todo tipo de capturas con nasa voitirón, desde o 15 de xullo ao 15 de setembro, ámbolos dous incluídos. Os límites son a liña imaxinaria que une o lugar de Bamio (San Xinés ou Rampla do cemiterio) con Punta Corveiro na illa de Cortegada; a liña de costa da illa de Cortegada que une Punta Corveiro con Punta do Vao, e a liña imaxinaria que une Punta do Vao coa zona superior dos viveiros de Carril.

A arte de pesca autorizada é a da nasa tipo voitirón con tamaño de malla non inferior a 14 mm, as cales deberán ser revisadas e levantadas diariamente. Ademais as labores de pesca suspenderanse desde as 12.00 horas dos sábados ata as 12.00 horas dos luns, e con carácter xeral e actividade poderase realizar entre 20 e 23 días ao mes, cun máximo de 197 días nesta tempada.

Características das capturas

A renovación estipula que a cota de captura por temporada se sitúa nun máximo de 5.176 quilos para o total das 18 embarcacións e un máximo de 37 tripulantes, sendo a dimensión mínima das anguías capturadas de 20 centímetros. Tamén se sinala que calquera outra especie que entre nas nasas deberá devolverse ao río. Outra das condicións que estipula o plan é que só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada anguía amarela.

A comercialización levarase a cabo nas lonxas de Carril e Rianxo, tendo a obriga de entregar a totalidade das capturas e, cada mes, remitirase ao Servizo de Conservación da Natureza -xunto cos partes de capturas- o xustificantes de venda en lonxa. Tamén cada mes as confrarías remitirán ao servizo provincial de Conservación unha declaración das capturas totais, especificando o total mensual de cada embarcación, así como o número total de días traballados no mes por cada unha delas.

1 de febreiro de 2019 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.