publicidade hoxe

O DOG publica a aprobación definitiva do primeiro PXOM de Trasmiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaTrasmiras
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Trasmiras, o primeiro instrumento urbanístico propio co que contará este concello ourensán despois dunha década dedicada ao seu deseño e planificación.

Con este anuncio, dáse un paso máis de cara á entrada en vigor do documento que rexerá no 100% do territorio, pendente tan só agora de que o Concello publique a normativa e as ordenanzas do PXOM no Boletín Oficial da Provincia e o inscriba a continuación no Rexistro do Planeamento Urbanístico de Galicia.

O novo documento substituirá a unha ordenación urbanística obsoleta xa que Trasmiras non contaba con ningún tipo de planeamento propio: desde outubro de 2018 rexíase polo Plan Básico Autonómico, e antes diso, polas Normas Subsidiarias de Planeamento Provinciais. Grazas ao PXOM, o concello dotarase dun marco de ordenación integral, caracterizado por aportar a precisa e obrigada seguridade xurídica, acorde coa realidade territorial de Trasmiras e que se rexe polo principio de utilización racional dos recursos e desenvolvemento sostible do territorio.

A elaboración desta ferramenta supuxo estudar en detalle a totalidade da superficie do termo municipal, que acada os case 57 km2 e se distribúe en 10 parroquias: Avabides, Chamusiños, Escornabois, Lobaces, Rabal, Trasmiras, Vila de Rei, Vilar de Lebres, Vilaseca e Zos. Trátase dun concello eminentemente rural, xa que máis dun 95% do seu territorio corresponde a solo rústico e un 3,23% a núcleo rural. O 0,18% é solo urbanizable e o 0,67%, solo urbano.

Tamén cómpre subliñar os case 70.000 m2 que reserva o documento para o sistema xeral de espazos libres e zonas verdes, un 40,5% máis do que esixe a Lei do Solo; e os 20.500 m2 destinados ao sistema xeral de equipamento comunitario, un 24,23% máis do que esixe a normativa vixente.

Ningún concello sen PXOM

A aprobación definitiva do PXOM de Trasmiras enmárcase na aposta decidida que está a facer a Xunta desde 2009 co fin de dotar a Galicia dun novo marco normativo en materia urbanística. Neste contexto e co fin de alcanzar o obxectivo de “ningún concello sen PXOM”, no que vai da actual lexislatura -que comezou en novembro de 2016- xa foron aprobados 11 planeamentos xerais, incluído o de Trasmiras, que se suman aos 69 que o actual goberno da Xunta sacou adiante desde o ano 2009.

Trátase tamén do primeiro PXOM que sae adiante en 2019, logo de que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinara a comezos de xaneiro a orde pola cal se lle daba o visto bo definitivo ao documento. Cómpre lembrar que, unha vez entre en vigor, serán xa 99 os municipios galegos que disporán dun planeamento adaptado e acorde á normativa urbanística vixente.

1 de febreiro de 2019 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.