publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente investirá 110.000 euros nun proxecto para humanizar a praza do Cuartel e unha rúa de Sober

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSober
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Sober, en Lugo, para levar a cabo unha intervención integral de acondicionamento na praza do Cuartel e na rúa que a comunica co campo de fútbol. Así o comprometeu a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen asinou esta tarde un convenio de colaboración co rexedor, Luis Fernández, segundo o cal a Xunta achegará o 70% do custo estimado da obra -é dicir, 107.821,25 euros- e o 30% restante -46.209,11 euros- correrá a cargo do propio concello.

Concretamente, a intervención prevista ten como obxectivo acondicionar e reordenar un dos espazos máis céntricos do núcleo urbano de Sober, no que se sitúa ademais do devandito Cuartel da Garda Civil, o campo de fútbol, varias vivendas, unha fábrica e tamén un albergue, actualmente en construción, pero que adolece dunha falta de ordenación clara, sen unha diferenciación entre as zonas de paso de vehículos, de peóns e as áreas de aparcamento e cunha pavimentación bituminosa bastante deteriorada.

Así, co obxectivo de resolver esta falta de ordenación nunha zona de gran dinamismo e moi frecuentada polos veciños, dotarase a este espazo de tres tipos de pavimentos: por un lado, adoquíns de formigón con distintas cores para sinalar as zonas de aparcamento na praza do Cuartel; por outro, un pavimento de formigón impreso nas áreas peonís; e por último, un aglomerado quente tanto nas zonas de paso do tráfico rodado como na rúa e na zona do campo de fútbol. Por outra banda, tamén está proxectada a colocación de novas luminarias tipo LED sobre columnas tanto na praza como na rúa nas que se centrará a actuación.

Os traballos comprometidos no Concello de Sober terán un custo total estimado de 154.030,36 euros repartidos en dúas anualidades: 30.806,07 euros reservados para este ano e 123.224,29 euros para 2020.

Balance do Plan Hurbe

Esta actuación enmárcase nos obxectivos do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións coma a comprometida hoxe co alcalde de Sober, que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común e garanten o acceso dos veciños a infraestruturas públicas e servizos básicos.

De feito, grazas a este programa son xa 200 as intervencións executadas nun total de 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 a Xunta actuou case no 40% dos municipios de Galicia.

21 de febreiro de 2019 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.