publicidade hoxe

López-Chaves reclama ao alcalde de Vigo “medidas urxentes” para arranxar os problemas de accesibilidade aos hospitais públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, vén de remitir ao Concello de Vigo unha carta na reclama ao alcalde que actúe de maneira urxente sobre os “deficientes” viais que dan acceso aos hospitais públicos Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro.

Así o informou hoxe nunha rolda de prensa na que fixo fincapé na necesidade de actuar por parte do Concello e garantir así os desprazamentos dos usuarios en condicións de seguridade. O representante autonómico mostrou varias imaxes tomadas o pasado venres que veñen a reafirmar a urxencia de mellorar estes accesos, de titularidade municipal, e que, segundo dixo, “presentan importantes deficiencias”.

Tras sinalar o importante incremento da actividade cirúrxica no hospital Meixoeiro, cunha media de 18.000 intervencións ao ano, considerou que nas actuais condicións os accesos a este centro sanitario “non garanten a mobilidade nin a seguridade de peóns e vehículos, posto que son do terceiro mundo”.

“Non podemos ter a mellor tecnoloxía sanitaria, o Meixoeiro conta cun acelerador lineal dos mellores do mundo, e corredoiras na contorna deste hospital”, sinalou, moi crítico coa ausencia de actuación por parte do Goberno municipal neste ámbito. “Temos uns accesos en clara situación de deterioro que acumulan as queixas dos usuarios, cuxo arranxo debe ser unha prioridade para o Concello vigués”, sinalou.

Neste senso, fixo un chamamento público ao alcalde para que axilice ao máximo esta solicitude, e actúe en consecuencia para arranxar os graves problemas de accesibilidade que presentan os hospitais vigueses.

No que respecta ao Álvaro Cunqueiro, recordou que en outubro de 2015 o goberno local comprometeuse a limitar a velocidade na contorna deste centro sanitario, na Avenida Clara Campoamor, situación que dixo está “controlada co radar”, pero lamentou que nada se saiba “do prometido quilómetro de novas beirarrúas”.

18 de febreiro de 2019 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.