publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Educación licitará este ano a terceira fase da reforma do CIFP Carlos Oroza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional licitará no último trimestre deste ano as obras da terceira fase da reforma do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra). Así o anunciou esta mañá a conselleira, Carmen Pomar, nunha visita ao centro co gallo do VI Campionato de Sumillería ‘Suso Domínguez’.

A obra completaría o proceso de remodelación que se desenvolve neste centro de Formación Profesional desde 2015, e que suporá ao remate desta terceira fase un investimento total de máis de 2 millóns de euros. Deles, o orzamento dispoñible para a terceira parte da obra ascende a 400.000 euros.

Nas dúas primeiras fases construíuse un novo volume de case 1.700 metros cadrados composto de baixo (que acolle unha aula de I+D, ademais do economato e un almacén con cámaras de frío) e dúas plantas. Na planta baixa construíuse unha aula-taller de cociña e na segunda planta albérganse os talleres de panadería e pastelería, e de confitería-chocolatería.

Deste xeito a remodelación permitiu dotar o centro dunha aula de I+D, un espazo de alta tecnificación dividido en dúas partes, unha de cociña e outra que é unha grada con capacidade para 60 persoas, e desde a que poden asistir a demostracións ou showcookings. A zona de cociña está dotada cos elementos máis innovadores como electrodomésticos, un forno de última xeración, placa de indución, prancha xaponesa e grella.

Neste momento a Consellería está a definir o programa de necesidades en función do que se determinarán as actuacións que se realicen na terceira fase. As obras executaranse no verán do 2020 para non interferir na actividade docente.

Certame de sumillería

Durante a súa visita ao CIFP Carlos Oroza, na que estivo acompañada polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, a conselleira tivo a oportunidade de reunirse cos participantes no VI Campionato de Sumillería ‘Suso Domínguez’, que se celebra no centro en homenaxe a un dos seus docentes xa falecido, que dá nome ao certame.

No encontro participou tamén o profesorado titor dos centros da Rede galega de Formación Profesional de Hostalaría e os representantes das Escolas de Hostalería e Turismo de Douro-Lamego, Coímbra e Viana do Castelo, do CIFP de Hostalería e Turismo de Xixón e do CIFP Felipe VI de Segovia.

26 de febreiro de 2019 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.