publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta investirá 30.000 euros na mellora do paseo fluvial de Troncoso, en Mondariz-Balneario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMondariz-Balneario
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Mondariz-Balneario, en Pontevedra, nunha actuación urbanística para renovar e mellorar o paseo fluvial de Troncoso. Así o comprometeu a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen asinou esta mañá un convenio co rexedor, José Antonio Lorenzo, segundo o cal a Xunta aportará o 70% do custo estimado da obra -é dicir, 32.766 euros- e o 30% restante -14.042 euros-correrá a cargo do propio concello.

Grazas a esta intervención, como subliñou a conselleira, contribuirase a poñer en valor un importante enclave para o turismo de balnearios e de natureza deste municipio, recoñecido como un referente termal a nivel nacional e mesmo europeo. Neste sentido, Vázquez Mejuto lembrou que a senda fluvial de Troncoso discorre a carón do río Tea e une diferentes puntos de interese de Mondariz-Balneario, polo que a actuación comprometida beneficiará tanto á veciñanza como ás persoas que a visiten na procura de experiencias de ocio e termalismo.

No marco deste proxecto prevese acometer unha mellora da pavimentación existente, colocar peitorís de protección nos treitos en que sexa necesario, anchear o sendeiro nalgúns puntos e entubar unha canle de auga próxima ao quilómetro sete. A intervención tamén inclúe obras na contorna co fin de dotar ao paseo actual de novas zonas de aparcadoiro, renovar as canalizacións do alumeado e habilitar unha área de descanso na Fonte de Troncoso.

A zona do muíño será outro dos puntos nos que se centrará a actuación, coidando especialmente a estética da obra para o que está previsto realizar a pavimentación con granito, renovar cinco bancos do mesmo material xa existentes e recolocar as papeleiras.

Unha vez contratados os traballos, que terán un custo total estimado de 46.808 euros, o prazo de execución será de dous meses polo que, tal e como resaltou a conselleira, o obxectivo é que o novo paseo estea listo para estrearse antes do verán, de xeito que tanto os veciños como os turistas que se acheguen ata a vila termal poidan desfrutar desta ruta ao carón do río Tea aproveitando o bo tempo.

Por último, a conselleira lembrou tamén algunhas das intervencións financiadas polo actual Goberno galego en materia medioambiental no Concello de Mondariz-Balneario, nas que mobilizou máis de 60.000 euros. En concreto, referiuse á restauración do Camiño do Carballo, á rehabilitación da área recreativa das Pedras ou aos labores de recuperación dunha edificación tradicional na contorna do parque das Tres Pontes, todas elas realizadas ou comprometidas ao abeiro da orde de axudas a concellos para intervencións en espazos Rede Natura.

Actuacións no 40% dos concellos galegos

Esta actuación, como lembrou a conselleira, enmárcase dentro dos obxectivos do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais con actuacións coma a comprometida hoxe en Mondariz-Balneario, que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso público común. De feito, grazas a este programa son xa 200 as actuacións postas en marcha nun total de 125 concellos, o que representa case o 40% dos municipios de Galicia.

19 de febreiro de 2019 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.