publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Feijóo avanza a aprobación dun investimento de 57 millóns de euros para o inicio da primeira fase de ampliación do Hospital Público de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Reunión do Consello da Xunta

Reunión do Consello da Xunta

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación dun investimento de máis de 57 millóns de euros para o inicio da primeira fase de ampliación do Hospital Público de Ferrol; e á espera de que o Concello cumpra coa súa obriga e conceda a licenza para poder construír o novo edificio do Hospital: un proxecto prioritario para toda a comarca.

Máis polo miúdo, Feijóo precisou que o proxecto enmárcase no Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que determina as obras que se realizarán en 4 fases para a súa mellora e modernización.

Así, as obras previstas na primeira fase desenvolveranse nos edificios do Hospital Arquitecto Marcide e do Hospital Naval, situados en Catabois e que contan con parcelas de 35.000 e 52.000 metros cadrados, respectivamente.

No Arquitecto Marcide, realizarase a ampliación dos edificios leste e sur, así como a reforma parcial dalgunhas das plantas deste hospital.

Deste xeito, nestas novas infraestruturas albergarase o edificio leste -cociña, urxencias, farmacia, consultas e gabinetes, nefroloxía, pediatría e UCI-, no que se realizarán tamén as novas hospitalizacións. E o edificio sur, que contará cunha nova central de instalacións, a xerencia, a dirección e a administración.

Cómpre salientar que, con esta actuación, o Hospital Arquitecto Marcide incrementará a 10 o número de plantas; e a súa superficie construída pasará de 43.000 metros cadrados a preto de 67.000 metros cadrados.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta aseverou que o proxecto recolle tamén as reformas interiores que é preciso acometer no Hospital Naval, o que permitirá habilitar os espazos necesarios para os traslados provisionais de determinados servizos desde o Arquitecto Marcide.

Sobre este punto, subliñou que se contemplan actuacións como: a intervención para a realización da área de Farmacia e unha zona lindeira que terá o carácter de farmacia provisional (a Farmacia central situarase no Hospital Arquitecto Marcide unha vez rematen as obras da fase 1); e a execución das obras para o Laboratorio de Microbioloxía e para o Hospital de Día oncohematolóxico, que se atopan actualmente no Hospital Arquitecto Marcide.

As obras de reforma do Hospital Naval serán as primeiras que se realizarán, xa que do traslado a elas dos servizos actuais depende a execución das áreas de ampliación.

Así mesmo, e de xeito complementario a estas obras nas edificacións, prevese a urbanización interior da parcela do Hospital Arquitecto Marcide para facilitar os accesos a diferentes servizos.

Feijóo concluíu resaltando que o número de camas crecerá nun 22%; e incorporaranse novas prestacións á carteira de servizos da Área Sanitaria de Ferrol -cirurxía vascular, rehabilitación cardíaca e pulmonar e radioloxía vascular intervencionista, ademais da incorporación dun segundo equipo de resonancia magnética-.

En definitiva, o presidente da Xunta destacou que con esta primeira fase cúmprese o compromiso con Ferrol a través da reforma do seu hospital, que proxectamos en catro fases dixo: durante a segunda fase se remodelará a ala sur; a terceira, na que se renovará o centro de especialidades e as súas consultas; e, por último, a cuarta fase, na que se remodelará por completo o Hospital Naval.

20 de decembro de 2018 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.