publicidade hoxe

Galicia presenta a súa oferta turística no sudeste asiático na feira ITB

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+
Feira ITB Asia

Feira ITB Asia

Co obxectivo de promover Galicia como destino turístico entre os principais operadores asiáticos, a Consellería de Cultura e Turismo presenta esta semana a oferta da nosa Comunidade na feira ITB Asia que se celebra en Singapur.

Trátase dun certame en formato workshop no que participarán preto de 1.000 axentes de viaxes dos que a maioría son asiáticos así como máis de 10.000 representantes de empresas e institucións relacionadas co turismo mundial.

Nesta reunión estritamente profesional, representantes do departamento de Cultura e Turismo manterán reunións de traballo con operadores turísticos do ámbito das viaxes en xeral, ademais das especializadas para congresos e reunións de empresa.

Mercado emerxente

Con esta acción de promoción, Galicia achégase por segundo ano a un dos mercados emerxentes con máis proxección do ámbito internacional que xunto a Xapón e Corea conforman a zona de demanda máis interesante para a Comunidade no continente asiático.

A internacionalización é unha das liñas de traballo da Estratexia do Turismo de Galicia 2020, que aposta tamén por consolidar un destino tranquilo e auténtico que sabe poñer en valor os seus mellores recursos culturais e naturais para gozar deles durante todo o ano.

A ITB Asia celébrase anualmente en Singapur e constitúe un dos principais acontecementos da industria das viaxes en Asia Pacífico, como o seu homólogo ITB Berlín en Europa. Organizada por Messe Berlin, ITB Asia constitúe un foro para establecer contactos coas compañías e os intermediarios turísticos para contratar a organización de viaxes. Nesta contorna, os expositores internacionais de todos os sectores dentro da cadea comercializadora poden entrar en contacto coas empresas líderes desta rexión de Asia.

18 de outubro de 2018 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.