publicidade hoxe

A Xunta defende en Bruxelas maiores facilidades para a renovación da frota pesqueira co futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

Representantes de todas as rexións e municipios da UE reuníronse onte e hoxe en Bruxelas nunha nova sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) para emitir 19 ditames de opinión ás políticas comunitarias. Galicia contribuíu especialmente á elaboración do ditame sobre o futuro Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro (FEMP), dado que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, liderou o anterior ditame referido a este fondo, aprobado o pasado mes de maio. Tras a publicación da proposta de regulamento do FEMP por parte da Comisión Europea en xuño, o CdR volve pronunciarse sobre este tema para contribuír ao debate que está tendo lugar no Parlamento e o Consello de cara a súa aprobación definitiva.

Durante a defensa das 10 emendas presentadas por Galicia a este ditame, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou a importancia de mellorar a aplicación da Política Pesqueira Común no Marco Financeiro Plurianual 2021-2027. Entre outros aspectos, resaltou a necesidade de que o futuro fondo apoie a renovación da frota para mellorar a seguridade dos pescadores e aumentar o atractivo da actividade pesqueira. En concreto, Galicia apoiou a proposta da relatora de eliminar o límite de idade de 40 anos para obter axudas á primeira adquisición dun buque pesqueiro, ademais de defender que estes buques non teñan máis de 15 anos de antigüidade, contra os 30 anos propostos pola Comisión Europea.

Tras negociacións coa relatora do ditame, Galicia conseguiu que se destaque o potencial da acuicultura na Unión Europea. Desta forma, o texto finalmente aprobado é coherente co ditame “O futuro da acuicultura europea”, liderado por Jesús Gamallo en 2015, así como coa aposta da Comisión Europea polo consumo de peixes e mariscos “criados na UE”.

‘Reflexionar sobre Europa’ e adquisición de competencias dixitais

Tamén tivo lugar a aprobación do documento “Reflexionar sobre Europa: a voz dos entes locais e rexionais para restaurar a confianza na Unión Europea”, ditame que representa a culminación de dous anos de diálogos e consultas nos que participaron máis de 40.000 cidadáns europeos e 110 entres locais e rexionais de 30 países do continente. Nas reunións previas de preparación, Galicia logrou incluír o cambio demográfico como unha das principais preocupacións dos entes locais e rexionais que agora aparece agora recollida no texto definitivo.

Outro ditame ao que Galicia contribuíu de maneira significante foi o relativo ao Plan de acción en Educación Dixital proposto pola Comisión Europea a principios de ano para axudar ao Estados membros a afrontar os desafíos e oportunidades da educación na era dixital. A Xunta de Galicia presentou 14 emendas, todas elas aprobadas, nas que se destaca a necesidade de que as tecnoloxías dixitais axuden a reducir a fenda de aprendizaxe existente entre alumnos procedentes de diferentes entornos socioeconómicos, así como a importancia de facilitar o desenvolvemento das competencias dixitais por parte dos docentes.

Dos restantes ditames destaca o relativo á mellora das instalacións portuarias para a recepción dos residuos dos buques, ao que Galicia presentou dúas emendas, e varios en relación cos futuros programas de financiamento comunitario nos eidos de medioambiente (LIFE), infraestruturas enerxéticas, dixitais e de transporte (Mecanismo Conectar Europa) e investigación e innovación (Horizonte Europa).

Semana Europea das Rexións e das Cidades

Este pleno coincidiu coa celebración da Semana Europea das Rexións e das Cidades na que Galicia foi protagonista de tres seminarios. O primeiro con participación galega tivo lugar o luns na sede de la Fundación Galicia Europa e foi organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Rede de Investigación e Innovación das Rexións de Europa (ERRIN), da que GAIN forma parte. Baixo o título ‘Impulsar a adopción de tecnoloxías dixitais por parte das pemes europeas’ o evento buscaba sensibilizar ás rexións sobre a estratexia da Comisión Europea para dixitalizar a industria.

A segunda conferencia con representación galega tivo lugar hoxe á mañá no SQUARE Conference Center, grazas á conferencia organizada polo CdR xunto a Rede Europea de Zonas de Pesca (FARNET) sobre a execución de fondos europeos a través dun enfoque local participativo en zonas pesqueiras, rurais e urbanas. Como exemplo de boas prácticas, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta, Susana Rodríguez, presentou o funcionamento dos Grupos de Acción Local de Pesca en Galicia e o seu impacto na consecución de zonas de pesca sostibles.

Por último, mañá a sede da Fundación Galicia Europa acollerá o seminario “Iniciativas locais no eido do turismo cultural: un legado para Europa”, organizado xunto con NECSTouR, a rede europea de autoridades rexionais de turismo, da que Galicia forma parte. Neste acto intervirán representantes da Axencia de Turismo de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de intercambiar experiencias sobre como fortalecer o valor do turismo e o patrimonio cultural de maneira conxunta.

O Comité Europeo das Rexións

O CdR é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea, que celebra seis reunións plenarias ao ano.

10 de outubro de 2018 | 16:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.