publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta achega ao concello de Pol 30.000 euros para rehabilitar e ampliar a biblioteca municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPol
A-
A+

A Xunta de Galicia achega 30.000 euros ao Concello de Pol para realizar obras de rehabilitación e ampliación da biblioteca municipal e unificar as súas instalacións na planta baixa da casa consistorial.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza financia o 60% do orzamento da actuación dentro da liña de colaboración coas entidades locais para mellorar infraestruturas, instalacións ou equipamentos destinados á prestación de servizos.

Este proxecto ten como obxectivo incrementar a funcionalidade da biblioteca, facéndoa máis cómoda e accesible, xa que unha das accións previstas é a eliminación de barreiras arquitectónicas.

A proposta inclúe diversas obras de rehabilitación das instalacións, como a reordenación de espazos, tratamento de humidades, colocación de falsos teitos para mellorar o aillamento térmico e acústico, adecuación da iluminación e renovación da instalación eléctrica, ademais de colocar cableado de conexión a internet, entre outras accións.

A través desta intervención está previsto ampliar as zonas destinadas a lectura e estudo e colocar novo mobiliario, entre o que figuran estanterías modulares, mesas e cadeiras de lectura infantís e cadeiras para adultos.

O delegado territorial salientou que esta liña de colaboración da Vicepresidencia da Xunta está orientada “a colaborar cos concellos na mellora das condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais a través de actuacións dirixidas a reforzar os servizos básicos”.

Neste caso, a intervención apoiada pola Administración autonómica persegue que os veciños e veciñas de Pol “poidan ter acceso nas mellores condicións a un espazo cultural tan importante para a vida comunitaria como é unha biblioteca pública”, salientou Balseiro.

23 de outubro de 2018 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.