publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Vilaxoán prepárase para a 15ª edición do Festival Revenidas

Presentación do Festival Revenidas

Presentación do Festival Revenidas

O Festival Revenidas presentou hoxe a programación da súa 15ª edición, que se celebrará en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) do 17 ao 19 de agosto con máis de 30 concertos, unha gala de circo, sesións de dub na praia e a súa tradicional sardiñada popular. O encontro volve contar co apoio da Xunta, que este ano se concreta nunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e no conxunto de accións desenvolvidas a través da nova marca FEST Galicia.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, detallou os contidos desta colaboración na rolda de prensa que tivo lugar hoxe no parque de Dona Concha e na tamén interveu Xoán Quintáns, director do Revenidas, así como os representantes do resto das institucións que apoian o evento. Así mesmo participou o músico Xurxo Souto, quen interpretou unha canción popular xunto a parte dos integrantes da Coral de Vilaxoán.

Sutil especificou que, como en anos anteriores, a Agadic contribúe economicamente á celebración deste encontro mediante a súa convocatoria pública de axudas a festivais de música, que en 2018 distribuíu 280.000 euros entre 12 eventos. No caso do Revenidas, a subvención é de 21.676 euros.

Referiuse tamén aos apoios complementarios dos que a cita de Vilaxóan dispón este ano como un dos 10 festivais adheridos á iniciativa FEST Galicia, a nova marca posta en marcha pola Xunta para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.

Expositor e accións de sensibilización

Como no resto dos eventos FEST Galicia, aquí a marca terá presenza a través dun stand propio, desde o que se coordinarán e difundirán accións de difusión e sensibilización social e medioambiental en colaboración directa con outros departamentos da Xunta. Neste caso, cóntase coa implicación da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, dando así conta do carácter transversal desta iniciativa, que botou a andar o pasado mes de xuño tras meses de traballo xunto ao sector.

No caso da Consellería de Medio Ambiente, desenvolveranse accións divulgativas sobre a importancia da sostibilidade ambiental neste tipo de eventos, das que se encargarán monitores e monitoras con formación específica. Ademais, a través de Ecoembes, xestionarase o servizo de contedores para a reciclaxe e recollida de residuos.

A diminución da pegada ambiental é, así mesmo, un dos obxectivos do servizo de autobuses, que estará patrocinado por FEST Galicia. Cubrirá o traxecto entre a zona de acampada e o festival durante o horario de actividades e concertos, apostando deste xeito polo transporte público como mellor opción de mobilidade.

O galego crea ambiente

O espazo da Xunta tamén acollerá a campaña O galego crea ambiente, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover o valor da lingua galega como parte do noso patrimonio, xunto coa cultura e o medio ambiente. A dobre mensaxe do seu lema busca convidar á mocidade a relacionarse de xeito responsable co medio e a facelo, ademais, en galego. Neste contexto, desenvolverase unha acción para buscar a participación do público, ao que se lle solicitarán ideas sobre como promover a nosa lingua entre a xente nova cara á elaboración do que será o primeiro Plan de Dinamización da Lingua Galega entre a mocidade. Da dinamización desta actividade encargarase o comunicador e cómico Víctor Grande, quen gravará vídeos selfies coas achegas do público para a súa difusión na rede.

O ámbito da igualdade centra tamén varias das iniciativas de FEST Galicia, apoiando tanto a programación musical con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres a todas as categorías profesionais da organización do festival, ademais de actividades en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade dentro da campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual. Colocaranse dous totems (na zona de acampada e na do stand) cun decálogo que inclúe mensaxes de concienciación, recomendacións e mesmo o teléfono co que hai que contactar ante unha agresión machista.

Pulseiras cashless e estudo de impacto

Outras das accións no Revenidas consiste no patrocinio das pulseiras cashless, que o festival incorpora este ano para controlar o acceso ao recinto e para pagar nos puntos de comida, bebida e merchandising. Asemade, a través da súa tecnoloxía RDIF, será posible obter datos que permitirán analizar parte do impacto do festival.

Esta información complementará os resultados do estudo de campo que FEST Galicia desenvolverá a través de enquisas directas, co fin de obter datos sobre o retorno socioeconómico (directo, indirecto e inducido) do festival. As medicións serán realizadas por un equipo consultor integrado por especialistas da Universidade de Santiago e terán como resultado un informe de avaliación, que servirá como punto de partida para traballar sobre medidas que redunden nos valores que a marca promove. Nesta primeira etapa, tamén se realizaron estudos dos festivais PortAmérica, Resurrection Fest, Sinsal SON Estrella Galicia e SonRías Baixas.

O apoio da Xunta esténdese igualmente á programación do festival, que este ano contará cun escenario FEST Galicia. O venres 17 tocarán nel desde as 20:30 h. Joan Garriga, The Real McKenzies, Keltoi e María Turme DJ. Para o sábado a partir das 21:00 h., están programados os concertos de Cuarta Xusta, Steven N’Seagulls, Tremeda Jauría e Isaac Peces DJ. E o domingo actuarán desde as 17:30 h. Diluvi, Banda Xangai, Russkaja e Xabi Sarria.

8 de agosto de 2018 | 15:00 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario