publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta destina 36.000 euros ao arranxo dunha vía que enlaza núcleos e parcelas agrarias de Baleira e Castroverde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaleiraCastroverdeLocal PortadaLugo
A-
A+

A Xunta de Galicia destina 36.100 euros ao arranxo dunha vía que conecta distintos núcleos de poboación e parcelas agrarias entre Baleira e Castroverde.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Goberno galego achega o 60 por cento do custo da actuación ao abeiro do programa de axudas para a mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais que xestiona a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En concreto, as obras executaranse na estrada de 2 quilómetros de lonxitude que discorre entre os núcleos de Puñago (Baleira) e Foguentelle ( Castroverde), moi utilizada tanto por vehículos en xeral como por tractores e maquinaria agrícola, porque permite o acceso a unha gran cantidade de parcelas agrarias que conforman a base da economía rural da zona. O 71 por cento do percorrido pertence ao concello de Baleira, a partir do núcleo de Puñago.

As actuacións en xeral consistirán no barrido e bacheo nos puntos nos que sexa preciso e a extensión dunha dobre ou tripla rega asfáltica, segundo o desgaste que presente o pavimento nos distintos tramos. Así mesmo, levarase a cabo unha limpeza de cunetas, labor que facilitará a evacuación das augas de escorrentía superficial.

Neste sentido, no núcleo de Foguentelle mellorarase a condución e evacuación de desaugues existentes -procedentes de superficies anexas- mediante o formigonado das cunetas nalgúns tramos.

Balseiro sinalou que a Xunta fomenta a mellora das infraestruturas e servizos no rural, na procura dun desenvolvemento equilibrado que permita o progreso económico da totalidade do territorio e que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia. Para elo, engadiu, o Goberno galego “apoia a prestación de servizos por parte dos concellos, que é a Administración máis próxima aos administrados, converténdoos en motores do desenvolvemento económico local”.

16 de agosto de 2018 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.